Non estamos a falar dun só xogador, senón cunha camada moi boa que medrou ao abeiro de Claudio
23 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Non estamos a falar dun só xogador, senón cunha camada de canteiráns do Celta moi boa que medrou ao abeiro de Claudio Giráldez dende xuvenís de primeiro ano.
Para entender este tipo de apostas hai que ter en conta dúas cousas: a calidade dos xogadores e a valentía do adestrador, porque ás veces aos técnicos xa lles custa moito subir a dous xogadores, pero facelo con catro transmite unha confianza absoluta sobre as condicións deses futbolistas. Ademais, hai que ter en conta que Claudio acaba de renovar e se estes catro seguen o mesmo camiño é porque el imaxina que van ser importantes no futuro do club. É algo que ten moitísimo mérito, pero non só na parte do traballo deles, que tiveron un crecemento moi grande, pero a valentía do adestrador é innegable cando aposta por eles e non vai buscar fóra o que considera que ten na casa.
Vexo moi importante que estas renovación estean chegando a golpe do mes de outubro, porque despois de xaneiro, as cousas flexibilízanse moito en xogadores que poden acabar contrato e negociar con outros clubs e o Celta estalle dando a confianza total dende o principio. Para min, esta é unha demostración absoluta de que dende a institución apostan pola canteira, que o club ve que ten a posibilidade de renovalos agora e non espera ata última hora, como sucedía sempre coa xente da casa. En clave económica, e tendo en conta a necesidade que parece ter o club de vender por 34 millóns, é moi importante a contribución da canteira.
En canto a Javi Rodríguez, era o patiño feo. Non era o primeiro espada daquela xeración, nin en xuvenís nin nos outros equipos, pero cada vez que saíu a competir, fíxoo tan ben que convenceu a Claudio de que tiña que ser titular no Fortuna, e agora, cada vez que sae, é un xogador que non comete erros. Fai moi sinxelo o seu traballo defensivo, sabe cal é a súa limitación. A súa mellora defensiva é espectacular e por riba, apenas fai faltas, porque está moi concentrado e anticipa moi ben. E no un contra un, con esas pernas tan longas, sempre corta.