Sara Álvarez, Muñi: «Temos o ascenso na man, son cinco finais e hai que pensar só na primeira»
GRADA DE RÍO

A defensa rosaleira reencóntrase co Sárdoma, exequipo seu e rival directo
21 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Sara Álvarez, Muñi (O Rosal, 2003), é case unha veterana do fútbol feminino galego e do vestiario de As Celtas sen ter cumprido 22 -farao en abril-. Peza chave para Vicky Vázquez, esta xornada reencóntrase co Sárdoma, onde militou dúas tempadas, nun partido transcendental —como os outros catro que lles quedan— para un ascenso directo a Segunda Federación no que confía.
—¿Como está o equipo logo da derrota ante o Deportivo e de darlle a volta ao marcador para gañar ao Victoria?
—Estamos ben, con ánimos e coa cabeza fría, preparadas para o que vén. Quedan seis xornadas, cinco partidos por disputar -sumarán os tres puntos ante o Romanón automaticamete trala retirada deste equipo da competición- e estamos centradas niso, con moitas ganas.
—¿Ata que punto fixo dano ese tropezo no derbi?
—Está claro que foi un pau duro e doeu moitísimo, pero a derrota forma parte do fútbol e é coma a vida: caes, érgueste e, neste caso, tes unha oportunidade á finde seguinte. O día despois foi unha xornada de reflexión colectiva e o luns, a pensar no seguinte partido. Isto non dá tregua e temos que estar preparadas para todo.
—Reciben ao Sárdoma, que lles gañou na ida, está asinando tamén unha gran tempada e mesmo lles fixo un «favor» gañando ao Olímpico de León. ¿Están especialmente alerta?
—Si, xa a propia clasificación o di: están xusto por detrás de nós e veñen desa vitoria ante o Olímpico, seguro que por méritos propios. Deixamos os tres puntos ante elas nas Relfas e temos ganas desta oportunidade. Creo que agora, os dous equipos somos completamente diferentes a aquel momento e hai que preparalo coma un novo, pero sen cometer os mesmos erros. Si que estamos alerta, pero convencidas e traballando. Sabemos que podemos conseguir a vitoria.
—E volven ao fortín da Madroa.
—Si, é a nosa casa igual que Balaídos, onde é un privilexio xogar, pero é certo que estamos máis afeitas á Madroa, que é o noso campo semana a semana e onde nos sentimos moi arroupadas, aínda que en Balaídos tamén, por suposto.
—Foi xogadora do Sárdoma. ¿Que lembranza lle quedou desa etapa?
—Estiven dous anos e teño bo recordo do equipo, do club, pero agora cada un defenderá as súas cores. O que pase no partido, pasa, e unha vez que saímos, somos todos amigos, que é o bonito do fútbol. Somos moitas compañeiras que xogamos alí e David Ferreiro -actual segundo de As Celtas-, o meu adestrador nesa etapa, foi quen e deu a man nun momento complicado meu. É moi bo tío.
—Como de posible ve o ascenso a directo a día de hoxe?
—Depende de nós, témolo na man. Se gañamos os cinco partidos, é máis que factible. Pero son difíciles todos, hai que xogalos, é a recta final, cando se aperta, o esprint. Está claro que temos capacidades, facultades e aptitudes para poder conseguilo, pero partido a partido. É unha final e non podemos mirar máis alá dela, porque sen estes tres puntos, xa sería moito máis complicado. Temos a cabeza posta no Sárdoma.
—Notan presión externa por ese ascenso?
—Facemos piña no vestiario e non deixamos que nos afecte o que pasa fóra. Se hai presión, é porque está na personalidade de cada unha, porque somos competitivas e ambiciosas e queremos gañar. Non diría presión, hai tensión de querer facer as cousas ben e devolver o agarimo que recibimos cada fin de semana.
—No seu día falou de que pasara un mal momento psicolóxico polas expectativas que se puña a vostede mesma. Como leva a presión?
—Considero que medrei e cambiei como xogadora e como persoa, teño un bagaxe de experiencias que me deron os anos xogando. Si que certo que teño ferramentas para xestionar as situacións doutra forma que antes non tiña. Considero que estou máis preparada, que o sei levar mellor E esa presión, que para min, como digo, é tensión, tamén é algo bonito que hai que ter para, como falamos antes, poder estar alerta, adaptarse E ao final, eu creo que Incluso xoga ao noso favor.

—É das xogadora con máis protagonismo. Está satisfeita coa súa aportación?
—É resultado do traballo de grupo, as que xogan más e menos arriman o ombreiro para que todas estean preparadas, xoguen de inicio ou desde o banco. Atópmne ben e todas estamos traballando para estar mellor.
«O que sinte a xente polo Celta é incrible e contaxioso»
A futbolista rosaleira non era celtista de berce, pero si que o será o resto da súa vida. Di que este sentimento se contaxia e ela xa non ten escapatoria.
—Que balance fai do que está sendo formar parte de As Celtas?
—Iamos sen expectativas ao ser un proxecto totalmente novo, pero á vez, moi bonito. Ao principio, ao facer un equipo desde cero, non é facil encaixar as pezas. Aínda que moitas nos coñecemos exogáramos xuntas, as máis noviña viñan de xogar con rapaces enon é tarefa fácil, pero a medida que pasa a tempada somos un equipo máis maduro, con máis presenza e empaque. Foi un crecemento importante ata estar onde estamos e poder depender de nós.
—Como chega vostede a As Celtas?
—Teño un primeiro contacto con Humber -Humbeto Lede-, fanme a proposta, e o que máis me chamo a atención foi a ilusión con que non só el, senón todo o club tiña coas Celtas, empezando pola propia presidenta, por Marián, ver que todo o mundo quería apoiarnos, darnos todos os medios, foi determinante ver a ilusión na cara da xente, e dicir que non a un club histórico e centenario é moi difícil.
—Era vostede celtista?
—Eu sempre digo que son do equipo no que xogo, pero son do Rosal e o Celta é un club referente, historia do fútbol. Igual non era forofa, pero o que sinte a xente por este equipo é incrible e moi contaxioso. Despois de vivilo desde dentro, xa vou ser celtista para sempre.
—E ten pasado no Deportivo.
—Debutei en Primeira alí, abríronme as portas, foi unha ocasión que me xurdiu, eu quería xogar ao fútbol ao máximo nivel e o Deportivo deume esa oportunidade. Tamén estou aquí grazas a eses dous anos e estou moi contenta a agradecida a ambos clubes. Enfrontarme a eles foi bonito por toda a xente coñecida que tiña e porque foi indescritible formar parte do primeiro derbi galego. Sentía que era un privilexio vivir algo así.
—Como valora o apoio que reciben?
—Vaiamos onde vaiamos, sempre hai unha bufanda das Celtas, sempre xogamos doce, é unha pasada que sempre haxa xente, fá igual onde xoguemos: Oviedo, Valladolid… Sempre están aí. E na Madroa xa xogamos con vantaxe, saímos quentar e xa están alí, con bandeiras, bufandas, en redes… Sentimos o apoio, chéganos e é un plus saber que hai xente na bancada que se vai deixar a voz. E unha razón de moito peso para dar aínda máis o 200 %.
—Podía imaxinar algo así?
—Nunca, xamais. Nunca vivira algo tan forte. A xente foise animando pouco a pouco e ver 400 persoas, 500 na Madroa, 6.500 en Balaiods… Saía ao campo, non atopaba nin aos meus amigos de tanta xente que había. Pónseme a pel de galiña, soñaba co partido e dicía: «Como pode ser». Hai que darlles as grazas e conseguir vitorias para eles porque o merecen todo.

—Agora ten un novo alcume -«Muñi» viña dunha celebración de gol súa que semellaba unha muiñeira-. De onde vén iso de «Tibu»?
—A persoa que nos leva as redes sociais mandoume unha foto con emoticonos de tiburón e búfalo e pensei: «A que se referirá?». Estaba cuns amigos e dixeron: «Sexa o que sexa, manda o tiburón». Aos cinco minutos xa tiña en redes unha publicación cunha foto miña co emoticono do tiburón. Quedou aí e cando iamos polos campos, Manu, directivo da peña As Guerreiras Celtas, empezou a chamarmo e agora mo chama maís xente. Eu respondo por todo: Sara, Muñi, Tibu… Eu contesto.
—Fíxose raro pasar a ter a Vicky Vázquez de adestradora logo de compartir vestiario previamente con ela?
—Non, é separar ámbitos e momentos. Cando estamos adestrando, somos adestradora e xogadora e fóra, si podemos ter un trato máis próximo, pero nunca houbo problema. Foi unha relación que foi moi fácil non modificar, senón adaptar. E a miña adestradora e co que diga ela, ao 100 %.

—Que tal leva compaxinar o fútbol cos estudos de Psicoloxía?
—Esta semana que vén, acabo a carreira, estou cos últimos exames. Xa son catro anos de arriba a abaixo, dun lado ao outro, pero sarna con gusto non pica. Sacas o tempo de onde non tes, con meses nos que toca durmir menos, outros máis… Estou contenta.
—Vese exercendo a curto prazo ou vaise centrar no fútbol polo de agora?
—É unha boa pregunta. De momento, hai cinco partidos que me quitan o sono, despois xa haberá tempo de pensalo.