
«Hai ilusión no vestiario e unha base importante para construír o futuro», di o xogador do Celta Borja Iglesias
23 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Borja Iglesias non escatima eloxios cando fala de Claudio Giráldez, o seu técnico no Celta e un dos mellores adestradores que se topou na súa carreira. Do mesmo xeito, non esconde que hai ilusión no vestiario co final de tempada e, mais alá do presente, considera que se construíndo unha base importante para o futuro. En canto a canteira, lembra que é un modelo tradicional de club, pero máis claro que nunca. Pensa que na súa época xa existía, aínda que non como o actual.
—Que aporta Claudio Giráldez?
—A min apórtame moitísimo. Penso que se ve dende fóra como é a miña relación con el, entendémonos moito, respectámonos moito e eu aprendo moito del a nivel profesional, porque ten unha esixencia altísima e unha gran capacidade para analizar partidos de maneira grupal e de maneira individual. Claudio é do mellor que topei na miña carreira e sinto que cada día son mellor en parte grazas a el.
—Que nivel lle ve a este equipo?
—Alto. Igual as situacións que vivimos durante a tempada non nos deixaron estar un pouco máis arriba porque hai un moi bo traballo detrás, pero ás veces, o resultado non axudou e os resultados son os que marcan as situacións. Gustaríanos un pouco máis, pero penso que hai unha base moi importante que se está construíndo para o futuro.
—Poderíase repetir o que viviu vostede no seu ano no Espanyol con final de liga tremendo?
—Podería. Unha vez que acadamos a salvación foi como un despegue para desfrutar. Levamos unha boa dinámica a día de hoxe pero queda facer o máis difícil.
—Hai ilusión no vestiario por conseguir algo máis?
—Hai ilusión si. Hai vimbios bonitos e importantes que van a facer que desfrutemos moito.
—Que lle parece a política de canteira tan clara do club.
—Penso que é un modelo de club que tradicionalmente xa existiu. É certo que, por momentos, cambia porque ás veces as situacións son distintas e hai que adaptarse ao contexto, pero a día de hoxe, creo que hai unha idea moi clara con iso. Trabállase moi ben a canteira dende moi novos, hoxe ten moita presenza no primeiro equipo e penso que é unha tendencia que vai estar presente nos vindeiros anos. Cada vez que vén un xogador adestrar con nós, ves que hai moito talento e moita ilusión por estar aquí, que senten que é un espazo ao que poden chegar. Oxalá fai uns anos a cousa fose igual.
—Nota moita diferenza con respecto aos seus tempos no Celta B?
—Nese momento foron moitos os xogadores da miña época que entraron na roda do primeiro equipo. Lembro a Borja Fernández, Samu, Rubén, Santi... Foron moitos, pero é certo que na miña posición era complicado porque había moita variante. Sinto que igual non era o mesmo momento que agora, pero si que había presenza, eu participaba en moitos adestramentos e era practicamente un máis.
—Que lle parece Fer López, a nova xoia da canteira?
—É un xogador con moito talento. Non é necesario velo moito tempo para decatarse de que ten moita capacidade a nivel técnico e é moi sacrificado no traballo, é profesional, entende o xogo e ten moitas cousas boas. Pero creo que podería falar igual de practicamente todos os que veñen e dos que están porque son xogadores de moito talento.

«Trato de ser eu mesmo e buscar a miña esencia»
O compostelán non é un futbolista tipo, senón un profesional que destaca polas súas inquedanza a nivel social, malia a iso non se considera un futbolista distinto, senón unha persoa que busca a súa esencia.
—Considérase un futbolista diferente a nivel persoal?
—Non, intento ser eu mesmo e buscar a miña esencia, traballando moito, deconstruíndome. Ao final, temos situacións na vida nas que establecemos cousas que xa están impostas e hai que reflexionalas, razoalas e intentar buscar o sentido ao que facemos. Intento traballar iso e creo que hai moitísima xente igual.
—Cara onde vai o mundo?
—É algo que debato en sociedade e internamente e non o sei, porque a realidade que vivimos cada uno oriéntanos cara a algo. Eu sinto que vivo nun espazo de confort importante, con moito respecto, moito cariño e moita igualdade, pero logo, tamén vexo que hai moitos espazos onde non é así. Non teño moi claro cara onde vai, pero si teño onde intento aportar a que vaia. Quero ser honesto comigo mesmo e cos meus, coidalos e coidarme.
—Non cre que se debe aproveitar o fútbol como gran ferramenta para facer campañas a prol da igualdade e do respecto?
—Creo que cada vez se está facendo máis e que hai moita conciencia neste sentido, pero tamén é certo que vimos dunha tendencia de protexernos moito, de intentar evitar conflitos e expoñerse o menos posible. Penso que cada vez hai máis conciencia nese sentido e xente proactiva a facelo e que se está acadando unha boa tendencia.
—Hai brotes racistas, liortas en campos de fútbol... Como se pode explicar iso no século XXI?
—Moitas veces, trato de entendelo, e é complicado, certo que tamén moita xente utiliza este deporte para desestresarse e evadirse un pouco, e penso que ás veces non somos conscientes da importancia que ten como nos comportamos en certos sitios, porque condicionas moitos á sociedade. É importante mandar mensaxes nese sentido, que o fútbol ten que ser un espazo seguro no que a xente se sinta libre.
—Estamos perdendo dereitos sociais?
—Penso que si, en moitas situacións e contextos, pero tamén penso que a xente é máis consciente diso e reivindica moito máis os seus dereitos. Estamos nunha loita.
—Vostede foi unha das persoas que entrou en acción cando foi o escándalo do fútbol feminino na Federación Española. Cree que aquilo valeu para algo?
—Cando as cousas pasan, sempre deixan una reflexión e invitan a mellorar. É certo que me gustaría que as cousas fosen máis rápido, pero penso que se están facendo cousas e creo que esas situacións que, por desgraza, son incómodas, preparan o futuro tamén. Penso que se está no camiño pero queda moito.