Borja Iglesias: «Necesitaba recuperar a ilusión na miña profesión, estou desfrutando»
GRADA DE RÍO

O dianteiro non esconde que desexa continuar no Celta e ve posibilidades
24 mar 2025 . Actualizado a las 19:47 h.Borja Iglesias Quintás (Santiago, 1993) está feliz, sente que está no seu mellor momento a nivel deportivo e persoal e convencido de que volver ao Celta foi a mellor elección. En Vigo recuperou a ilusión pola súa profesión. Tampouco nega que lle gustaría quedar e ve posibilidades, pero lembra que é xogador do Betis.
—Que tal está indo a tempada?
—Ben, atópome moi ben, feliz e moi ledo de estar na casa. Para min volver vivir en Galicia para min é moi especial é a verdade é que me atopo moi ben.
—Está desfrutando de novo do fútbol?
—Estou desfrutando de todo, vivindo un momento moi especial. Vivo na miña casa, coa miña familia, volvín ás miñas raíces logo de moito tempo fóra e estou desfrutando moito tanto da miña etapa deportiva como persoal e estou aprendendo moito. Necesitaba recuperar a ilusión na miña profesión.
—A que é equiparable esta tempada tendo en conta que tivo un gran ano no Espanyol, gañou unha Copa co Betis...?
—Penso que ten parte de cada etapa. Pola ilusión que comentaba, sinto que volvera á miña etapa do Espanyol de ter un proxecto novo e de poñerme a proba, pero cunha experiencia distinta e cunha bagaxe distinta, tamén cunha esixencia distinta no persoal e o profesional.
—Está contento de tomar esta decisión?
—Si, a verdade é que cando tomas unha decisión é a correcta, eu trato de velo desa maneira porque cando plantexas outros escenarios é todo moi hipotético. Cando tomas unha decisión eu penso que é a perfecta e hai que vivir e traballar con ela.
—Apeteceríalle seguir no Celta a vindeira tempada?
—Si, a día de hoxe, síntome con moitas forzas, con ganas e ilusión. É certo que teño contrato no Betis.
—Ve posibilidades de quedarse?
—Si, eu creo que si, pero non hai nada concretado agora mesmo.
—Falou co Betis disto?
—Non. A verdade é que durante a tempada non é bo momento. A idea principal de todos é estar centrados no que temos entre mans, que xa é dabondo.
—Quitou unha espiña esta tempada?
—Si, era algo que tiña na mente e, por momentos, pensaba que igual estaba lonxe, que non se daba. Para min é moi especial xogar neste equipo e podo dicir que o considero un éxito alcanzado na miña carreira.
—Está nun dos seus mellores momentos?
—Penso que no mellor, de verdade; en conxunto, non en nada específico. Tanto a nivel persoal como no profesional, síntome que estou moi completo, que estou desfrutando moito. Penso que está todo onde ten que estar e desfruto tamén da miña parte extradeportiva.
—Está contento coa súa achega ata o de agora?
—Si, gustaríame mellorar, pásame incluso nos mellores anos e cando a estatísticas. Sinto que fago moitas cousas e medro en aspectos aos que igual antes non lles daba importancia e agora dóullela. Que me gustaría facer máis goles e máis asistencias, si; xogar máis aínda, tamén; pero é certo que estou moi feliz no punto no que estou e contento por ser un xogador máis completo.
—Porque un dianteiro é moito máis que goles.
—A día de hoxe, hai un impacto enorme da estatística, que é algo importantísimo, pero tamén considero que hai moito máis e que hai un funcionamento colectivo que ás veces é difícil de medir nos datos. Sinto que este ano estou medrando moitísimo.
—De entrada, é o único xogador do plantel que tomou parte en todos os partidos da liga.
—É curioso pero si. Sinto que teño moita confianza por parte do adestrador e eu tamén intento mostrarlle a miña, porque é difícil dende a posición do adestrador convencer aos xogadores e penso que el o fai con moitos argumentos.
—Logo do vivido o ano pasado necesitaba unha tempada así para reencontrarse?
—Si, sobre todo, pola ilusión. Non sinto que a tempada anterior fose mellor ou peor polos números, porque isto son etapas e viña dunha normalidade que era xogar moito e marcar moito e ás veces hai que vivir situacións distintas e aprender delas. Non era por iso, senón pola perda desa ilusión, de querer aprender máis, de que o día a día sexa motivador. Debo dicir que a miña marcha a Alemaña foi moi nutrinte nese sentido.
—Que tan ese semestre no Bayern Leverkusen?
—Moi ben, foi especial. A Bundesliga gustoume moitísimo, Alemaña é un país que me gusta, vivía nunha cidade moi interesante como Düsseldorf, que a nivel cultural, é unha pasada, e a verdade é que desfrutei moitísimo, tamén a nivel deportivo, por estar nun equipo que xoga así e cun adestrador como Xabi, que conxuntamente con Claudio, son dos mellores que tiven.
—Máis alá dos goles, está demostrando que pode facer cousas importantes para o equipo.
—Igual noutras etapas da miña vida o gol era algo moi importante para min e estaba más obsesionado con iso, pero a día de hoxe, intento que o que fago sexa para aportar rendemento ao equipo e ós compañeiros. Tes que aprender a aportar dende distintas situacións, xogando ou non, e nese sentido, síntome moi completo aínda que participe máis ou menos un día e aínda que sexa máis ou menos protagonista no resultado.

«Xogar con Iago é especial ao máximo nivel, os seus adestramentos son un espectáculo»
Se a algunha cousa lle tiña ganas Borja Iglesias era a compartir equipo con Iago Aspas, unha persoa pola que sinte especial admiración. Di que os seus adestramentos son un espectáculo e que desfruta ao seu carón.
—Que significa xogar con Iago Aspas?
—Para min, é especial ao máximo nivel. É unha persoa a que admiro e a nivel futbolístico, pouco podo dicir, porque sabemos todos da magnitude do xogador que temos. Poder desfrutar da súa experiencia e do seu talento no día a día é algo moi especial. É unha pena que a xente perda os seus adestramentos, porque son un espectáculo.
—Para vostede, que debe ter o dianteiro perfecto?
—É difícil, creo que depende moito do contextos no que se mova o dianteiro. Penso que se xogas nun estilo de xogo distinto, tes cousas distintas que aportar, pero é certo que a día de hoxe, o dianteiro é o primeiro defensa, é unha parte importante na construción do xogo dende o inicio de saque de porta ata a finalización. Tamén teño que ser consciente do xogador que teño ao meu carón, ser o primeiro en organizar unha presión, intentar parar o partido porque non temos a pelota. Hai moitas cousas do xogo que debes intentar ir manexando e, loxicamente, intentar marcar goles, que é a parte máis importante.