Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Gael García: «A conta secundaria de Twitter do Celta en galego foi un erro maiúsculo» 

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

CARBALLO INTERPLAY

O responsable de contidos do club e un dos community managers, Diego Muíños, afondan na estratexia de comunicación na súa participación no Carballo Interplay 

26 abr 2025 . Actualizado a las 21:09 h.

O director  de Márketing, Comunicación e Estrategia Dixital Celta, Gael García, e un dos community managers da entidade viguesa, Diego Muíños, participaron este venres no Carballo Interplay, onde afondaron na política de comunicación do club e nos cambios que se produciron nela nos últimos tempos. Comezaron por contar como xurdiu a posibilidade de que C. Tangana asumise o reto de compoñer o himno do centenario, Oliveira dos cen anos.

«Oliveira dos cen anos»: a convicción de C. Tangana

Explica García que o éxito acadado por ese proxecto non lles sorprendeu tanto como se podía esperar pola convicción que lles transmitía Antón Álvarez de que así sería. «Cando xa estabamos avanzados no proceso de desenvolvemento do himno e do vídeo, el transmitía o convencemento de que ía ser algo rompedor a nivel mundial», asegura. E cando saíu á luz e comezaron a chegar os recoñecementos ou críticas como a de The Guardian, viron que todo era tal cal o vaticinara o autor.

O «flirteo» en redes entre as dúas partes viña de atrás, como fan con outras personalidades que simpatizan co Celta «tomando o pulso do celtismo», caso tamén dos deportistas Ana Peleteiro ou Martín de la Puente, exemplifica. «A todos eles queremos telos presentes nas nosas canles e darlles esa visibilidade que xa teñen», din. Así, C. Tangana estaba nas «quinielas internas» e cando el se ofreceu mediante un tuit «a sensación foi que tocara a lotería e que era algo que non se podía deixar escapar», como así foi. Nas primeiras conversas, relata García, non se falou de cifras, senón de «como traballar e involucrar a cultura local no proxecto».

Foi en xaneiro do 2023 cando se puxeron en serio. «Nese momento, non había explicar a ninguén quen era C. Tangana. E o vídeo, loxicamente, ten unha aposta orzamentaria importante», se ben «non foi un debate difícil nin complicado», senón que o tiñan «bastante claro». Tamén contestou sobre a gravación, na véspera do partido contra o Barcelona no que o equipo se xogaba a permanencia. «Estaba carga moral de celebrar o centenario en Segunda. Estabamos facendo o videoclip do himno máis ambicioso que se fixera nunca no fútbol mundial para defendelo en Segunda. Había unha presión». Aínda que houbo final feliz.

Sentimento de pertenza: ser un equipo para todos os galegos

García e Muíños responden sobre como chegaron á conclusión de que logo de conseguir reflectir a identidade galega co himno, tiñan que darlle continuidade na súa comunicación. «É algo que temos diante, non hai que forzar nada. Formamos parte da cultura galega e temos que dinamizala», sinala o community manager, admitindo que tempo atrás perderan terreo no relativo ao galego. «Non é que queiramos posicionarnos aquí, é que nós formamos parte de Galicia e da cultura galega, é o noso», proclama. E apostando por iso, engade García, conseguiron espertar a unha parte latente do celtismo e que estivese «máis vivo».

Non senten que inventasen nada, pero si pensan que foi «un acerto» e que atenden a demandas que había no celtismo. E lembra Gael que «na parte máis fundacional do Celta había ese afán de ser un equipo que representase os valores e a cultura galega», entendendo o fútbol como «vehículo para aglutinar sentimento de pertenza». Considera unha boa noticia que xente que non segue o fútbol se sinta identificada co Celta: «Iso quere dicir que vas ser celtista sempre, cando esteas rozando Europa e abaixo». «Non queremos ser o equipo de Galicia, pero si ser un equipo para todos os galegos».

Así chegaron campañas coma a da camiseta cos concellos de Galicia, algo máis doado con Hummel, xa que «Adidas era una marca marabillosa, pero limitaba moito á hora de crear» as elásticas. Coa nova firma tiñan máis marxe e aproveitárono. Do mesmo xeito xorden ideas como identificar aos foráneos con barrios de Vigo, como Beltrán de Matamá ou Ilaix de Teis. «É para facelossentir un pouco nosos, que saiban onde están e coñezan a nosa cultura», di Muíños. E Gael engade que ás veces, ver o vídeo do himno xa é un factor para que os xogadores decidan apostar por firmar co Celta.

O uso do galego e o soño de levalo por Europa

O uso do galego na comunicación do Celta é «algo completamente natura», asegura Muíños. «Somos galegos, sabemos falar galego e intentamos seguir con esta estratexia orgánica de ter unha comunicación amplamente en galego», deixando espazo ao español en temas institucionais, por exemplo. Pero estima que empregan o galego nun 70 ou 80 %. Saben que son «un altofalante moi forte para dinamizar o galego e a cultura». Gael engade que son «o maior soporte publicitario agora mesmo en Galiica a nivel de impacto e visibilidade» e tamén senten esa responsabilidade e «case deber moral». Aparte e que as métricas non dan en absoluto as costas a esta aposta.

Desde a súa experiencia, argumentan, están a comprobar que «o galego pode chegar onde queira». E Muíños deixa un recado en relación coas aspiracións de clasificarse para competición continental que ten o equipo neste momento: «Non vai haber nada máis bonito que se podemos, o ano que vén, levaremos o galego e a cultura galega por toda Europa».

O erro da conta en galego

Gael García non ten problema en recoñecer como «erro maiúsculo» por parte do Celta -non deles dous en concreto- a contestada creación dunha conta específica en galego que apartaba a lingua do perfil principal. «Quixemos chegar moi lonxe e, se o club fose unha árbore, regabamos as ramas. A reflexión foi que había que regar as raíces para facer un tronco forte». E compara aquela conta con «a mesa dos cativos nunha xuntanza familiar, para que tomen as súas pizzas e non molesten mentres os maiores falan en castelán», ou cun furancho que se transforme noutro tipo de restaurante e perda así a súa clientela de sempre.

Cre que unha das mellores decisións que tomaron foi reconducir esa conta á atención do afeccionado local, centrándoa no celtismo e as peñas. Nese sentido, tamén tivo incidencia a presidenta, Marián Mouriño, coas súas tres c, que inclúen a conexión coa comunidade -xunto á consistencia económica e á competitividade deportiva-. «Todo ten que estar arroupado polas raíces, cada movemento que facemos no club ten que ser coherente con iso e de aí vén o retorno ao galego, que nunca debeu saír da conta principal».

Documentais fronte á tiranía das métricas

En redes sociais, recoñecen, é inevitable vivir baixo a «tiranía do algoritmo e as métricas», das que están «moi orgullosos» no seu caso, pois están «moi ben posicionados no top-10» da liga. «Pero parece que te obriga a ir a un contido rápido, de vídeo fácil, viral». Enon queren ser escravos destas cuestións, comenta Gael. «Se nos guiamos por iso, estariamos todo o día facendo contido viral en TikTok, buscando a anécdota sen profundidade narrativa». Considera que acadaron un bo equilibrio, tendo en contra que as métricas son relevantes para patrocinios e non se poden descoidar.

Non obstante, a un tempo, apostan por outras ideas pausadas coma o documental sobre o Entroido estreado hai unhas semanas. «Queremos un espazo onde contar as nosas historias. É máis repousado e non vai dar 10 millóns de visualizacións, pero se ten 100.000, serán 100.000 persoas que van ter unha vinculación co Celta maior que os que dan like a un vídeo un segundo», expresa García sen desprezar unha cousa sobre a outra. Son contidos dos que están particularmente satisfeitos e dos que tamén forman parte o proxecto sobre a apertura da escola en Senegal ou o do vínculo entre afeccións co Athletic Club.

O equipo de redes e comunicación

Noutra parte da conversa detalla Diego que levan 36 perfís diferentes en redes e son un coordinador de redes sociais, unha responsable de comunicación de As Celtas, Gael como responsable de contidos e comunicación, tres community managers e mailo equipo audiovisual de cámara e fotografía. Existe un «traballo de planificación brutal» para cada semana, a expensas dos acontecementos, xa sexan os resultados dos partidos, unha lesión ou calquera outra cousa que xorda. Procuran traballar con contido adaptado para cada rede e para Muíños, a estrela no mundo do fútbol é Twitter.

As Celtas

Asumen que o Celta tiña «unha débeda con maiúsculas» co fútbol feminino que se saldou coa creación de As Celtas. Aínda que apuntan ás infraestruturas como impedimento, tamén revelan que cando Marián Mouriño accedeu á presidencia dixo que había que facelo «si ou si», priorizando facelo cunha base de canteira aínda que o primeiro equipo comezase na cuarta categoría. Ademais, tiñan claro que querían «unha comunicación ambiciosa», cunha responsable propia e que non dependese dos ocos que deixase o primeiro equipo masculino e outros proxectos.

En canto ao nome de As Celtas, descartouse sempre que fose chamado «Celta feminino» e foi a propia presidenta a que propuxo o que acabou sendo o nome elixido. «Conseguimos que tivese identidade propia e que non fose subordinado do primeiro equipo (masculino). Ten a súa personalidade e foi un acerto», valora García.

A rivalidade co Deportivo

Os responsables do Celta, preguntados pola rivalidade co Deportivo, son partidarios de que sexa «sá e enriqueza o relato de cada equipo». Dentro de buscar sempre estar por riba do outro, sosteñen, non ven «ningún inimigo». «Miro alianzas, posibilidades de facer cousas moi bonitas entre todos os equipos galegos, da cidade que sexan», afirma García. E admite que teñen aprendido cousas deles como espera que teña tamén acontecido á inversa.