Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A gran carreira cara ao despacho oval

Fernando Pariente Chacartegui

LA VOZ DE LA ESCUELA

JOSHUA LOTT

As eleccións presidenciais en Estados Unidos serán noticia ata o próximo mes de novembro

29 feb 2012 . Actualizado a las 13:56 h.

Na política dos Estados Unidos as eleccións celébranse a data fixa o primeiro martes despois do primeiro luns de novembro. No 2012 cumpre Barack Obama o seu cuarto ano de mandato, por iso tocan eleccións presidenciais o 6 de novembro. Estamos case a nove meses do día do referendo e todos os medios de comunicación están xa cheos de noticias sobre o acontecemento que seguirán aparecendo de agora en diante case todas as semanas. A razón deste interese tan anticipado está en que o pasado mes no estado de Iowa empezou unha carreira de longa duración polas características especiais que ten o proceso de elección de presidente nos Estados Unidos.

Como se elixe un presidente

En Estados Unidos é moito máis complicado elixir ao candidato dun dos dous partidos políticos maioritarios que a propia elección do presidente. A elección dos candidatos faise mediante as chamadas primarias. Esta vez, no caso dos demócratas, é máis sinxelo, porque Obama cumpriu un só mandato e pode repetir nomeamento. Por este motivo, se se presentase algún outro candidato, a elección realizaríase directamente na convención do Partido Demócrata, que está anunciada para os días 3 a 6 de setembro e celebrarase en Charlotte, Carolina do Norte. Pero os republicanos teñen que embarcarse no longo proceso do nomeamento do candidato entre todos os aspirantes que se presentaron. Este proceso de primarias que acaba de comezar dura ata a celebración da convención do Partido Republicano, que nesta ocasión está anunciada para os días 28 ao 30 de agosto e celebrarase en Tampa, Florida.

Estamos, pois, nos primeiros pasos do proceso, a selección do candidato do Partido Republicano mediante as Primarias.

A selección faise estado por estado en días diferentes, aínda que hai días nos que coinciden varios estados, e xeralmente na mesma orde. Comezouse en Iowa, o 3 de xaneiro, e terminarase en California, Montana, Novo México e Dakota do Sur o 5 de xuño. O día máis interesante é o chamado supermartes, este ano o 6 de marzo, porque nel se celebrarán primarias en dez estados simultaneamente (houbo ocasións nas que coincidiron máis) e as cousas pódense ir clarificando.

En cada un dos estados non se elixe directamente ao candidato, senón aos delegados que levarán os votos dese estado á convención final do partido. Cada estado ten asignado un número determinado de delegados, que depende da súa poboación, pero non exactamente dunha forma proporcional. New Hampsire, o máis pequeno, ten 12 delegados, mentres que California, o maior, ten 370 e o primeiro, Iowa, 28. En cada estado asígnanse a cada candidato un número de delegados proporcional á porcentaxe de votos que obteña, aínda que non sempre é así. Por exemplo, en New Hampsire, Mitt Romney obtivo 7 delegados porque sacou o 48,64 % dos votos.

Os candidatos van acumulando os seus delegados a medida que se van celebrando as primarias nos distintos estados, de maneira que cando se chega á convención final xa se sabe quen é o candidato que vai ser nomeado: aquel que máis delegados teña, porque os delegados non poden cambiar o seu voto.