Un aniversario popular

Carlos Ocampo carlos.ocampo@lavoz.es

LA VOZ DE LA ESCUELA

O cantautor Emilio Batallán nunha homenaxe ao poeta en Celanova durante este ano 2012.
O cantautor Emilio Batallán nunha homenaxe ao poeta en Celanova durante este ano 2012. MIGUEL VILLAR

Continuamos a celebrar nos inicios deste curso o centenario de Celso Emilio Ferreiro, o poeta desa parte do mundo que se chama Celanova

26 sep 2012 . Actualizado a las 13:43 h.

O 4 de xaneiro de 1912 naceu un celanovés universal, así que estaremos aínda durante uns meses no seu centenario. Referímonos a un dos grandes poetas galegos, un dos meirandes, pois non son poucos quen non dubidan en situalo no terceiro chanzo do podio, detrás de Rosalía e de Curros Enríquez, nada menos. ¿Liches algún dos seus poemas? De Celso Emilio Ferreiro falamos, claro.

Pois ben, La Voz de Galicia hai un pouquiño máis destes case nove meses do 2012 que comezou a celebrar este centenario, porque o último 30 de decembro publicara a nova do achado de dous poemas inéditos do autor. Un titúlase O atraco e o outro, O mozo. Destas dúas composicións, representativas do autor e temática próxima a outras das súas obras, a primeira fora publicada nun diario de Bos Aires e a outra é totalmente inédita. Ambas foron reproducidas en La Voz, na data citada, e comentadas polo crítico Ramón Nicolás, especialista no celanovés.

Pero ademais de comentar esta noticia (tan estraña no caso dun autor que non morreu hai tanto e que está moi estudado), tanto para quen xa o fixera como para quen aínda non o coñece, cómpre seguir a celebrar este centenario nas aulas de literatura. Ao mellor xa o fixeches o curso pasado, pero non pasa nada por volvelo lembrar neste; e se non foi así, tendes aquí un dos mellores xeitos de estrear este 2012-13 que comeza.

ESTILO E ADSCRICIÓN

Porque se algo caracteriza a Celso Emilio Ferreiro, amais da temática da súa obra, é que se trata dun deses poetas doado de comprender para todo o mundo, un poeta de palabra próxima que non demanda un lector especialista nin con moita literatura ás súas costas, un poeta que prende desde o primeiro verso e non se distancia con vocabulario escuro e retórica de alambique. A súa forza estilística radica na súa linguaxe clara e precisa, e os seus recursos favoritos son a alegoría, o uso de símbolos e a preferencia polas frases feitas, as onomatopeas ou as expresións coloquiais coas que atopa o sarcasmo nos seus poemas máis escarnecentes. Aínda que o seu trazo más característico son as anáforas e os paralelismos, dos que se serve, como adoita ocorrer con este recurso, para darlle cohesión estrutural ao poema, pero tamén para insistir nas ideas más reiteradas polo poeta.

Celso Emilio Ferreiro, pola súa data de nacemento e pola das súas primeiras publicacións, é enmarcado na chamada xeración do 36, da que forman parte os exiliados Luís Seoane e Lorenzo Varela. Pero tamén se relaciona cos poetas que a partir dos 50 iniciaron a recuperación da literatura galega tras a guerra (Álvarez Blázquez, Cunqueiro, Carballo Calero, María Mariño e outros, cada un na súa particular liña estilística).

CONTIDOS

Difíciles de entender sen facer referencia ás súas preocupacións e actividades políticas, os contidos da poesía de Celso Emilio Ferreiro, se convén non esquecer outras facianas, o autor quedará porén na memoria como o máximo representante do realismo social, na liña de Blas de Otero, Gabriel Celaya e José Hierro, por dar unha referencia ben coñecida da literatura española. É esta a temática principal de Longa noite de pedra (1962). A súa segunda gran obra, que toma o título do seu primeiro poema, tivo grande repercusión inmediata que permaneceu no tempo. A «noite de pedra» como símbolo da ditadura representaría a liña social de denuncia en defensa dos oprimidos das primeiras composicións do libro. Outros poemas dunha segunda parte da obra seguen unha temática máis intimista e lírica, ou existencial.

Esta era, así mesmo, a liña temática do seu primeiro poemario, O soño sulagado (1955), tamén abondo coñecido. En cambio a Viaxe ao país dos ananos (1968, despois do seu exilio voluntario en Venezuela) é unha diatriba en contra dos emigrantes que fixeron cartos explotando os seus paisanos. Vinte e un poemas, articulados entre si, amosan a decepción do autor após a súa experiencia, nunha mestura de ironía e denuncia social, cos «ananos» como símbolo deses galegos desnaturalizados. A segunda parte desta obra recolle outros temas tamén sociais. E en Cantigas de escarnio e maldicir e Paco Pixiñas (1968 e 1970) recunca no tema anterior, pero afondando na sátira.

Onde o mundo se chama Celanova (1975), máis lírico, ten unha parte centrada na saudade que provoca no autor a lembranza da vila onde nacera e outra na temática amorosa, conducida a través de Moraima, a súa muller.