
A lingüística forense emprega o seu saber para achegar probas periciais en xuízos penais e civís
27 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.«Faga o favor de pór atención na primeira cláusula porque é moi importante. Di que? a parte contratante da primeira parte será considerada como a parte contratante da primeira parte», empeza dicindo Groucho Marx na súa inesquecible Unha noite na ópera. O diálogo no que discute o contrato de Ricardo Baroni (Zeppo) co seu representante (Harpo) quedou para a historia das mellores parodias da linguaxe administrativa e comercial con que pretenden enredarnos aos leigos, para aproveitarse do noso descoñecemento.
A escena é hilarante, pero entre as liñas de parodias como esta temos que aprender a ler a mensaxe máis seria e, ás veces, importante. En febreiro do 2014, cando o asunto das accións preferentes que venderon varios bancos aínda caldeaba os ánimos de vítimas e cidadáns en xeral, La Voz recolle a noticia de que « Un empregado de banca recupera as súas preferentes porque nin el entendía o seu risco». O xuíz estimou que «nin sequera unha persoa co seu perfil bancario estaba preparada para comprender os riscos deste produto complexo» e considerou na súa sentenza que «a redacción da documentación que o demandante asinou era ?confusa? e de ?difícil comprensión?», di a noticia.
Este é só un dos campos nos que a lingüística forense presta os seus servizos especializados tanto aos demandantes como aos xuíces á hora de ditar sentenza, como xa ocorre en moitos países, sobre todo anglófonos.
CRIME ACLARADO
O caso Evans supón, para algúns especialistas na materia, a primeira pedra da lingüística forense, precisamente nunha das ramas máis espectaculares desta disciplina, a que se centra en achegar probas lingüísticas no ámbito penal. John Timothy Evans confesou o asasinato da súa muller en 1949 á policía, que tardou algúns días en atopar o seu cadáver e o do seu bebé de poucos meses. Na investigación, a policía obtivo ata catro confesións distintas de Evans, unhas de culpabilidade e outras de inocencia. Na última sinalou ao seu veciño John Christie, ao que a defensa de Evans acusou no xuízo. Pero Evans foi declarado culpable e executado ao ano seguinte. Tres anos despois, Christie abandonou a casa e, cando o novo inquilino quixo instalar unha antena, descubriu tres corpos de mulleres emparedados, incluído o da muller de Christie. No interrogatorio, salpicado de contradicións, chegou a recoñecer o asasinato da muller de Evans. Foi axustizado ese mesmo ano de 1953 e o entón ministro de Interior, Roy Jenkins, recomendou o perdón póstumo de Evans, que lle foi concedido en 1966.
Se cando foi xulgado houbese lingüística forense, a defensa podería ter presentado ao xurado dúbidas razoables sobre Evans, que tería eludido a pena capital. O lingüística sueco Jan Svartvik analizou anos despois as catro confesións de Evans e, utilizando métodos científicos, demostrou que había considerables discrepancias estilísticas entre elas. A conclusión era que foran producidas por máis dunha persoa e, o máis grave, as seccións de texto que máis claramente incriminaban a Evans eran as máis discordantes entre si. As súas conclusións publicounas en The Evans Statements: A Case for Forensic Linguistics, onde por primeira vez aparece a denominación desta rama da lingüística.
Hai aínda outro campo de actuación desta apaixonante disciplina, a dos nomes comerciais. Os CSI da linguaxe foron chamados como testemuñas no litixio de McDonald?s contra Quality Inns International Inc. A cadea de comida rápida, que ten a exclusiva sobre o prefixo Mc, defendía que o nome McSleep Inns, que esta empresa quería dar á súa liña de hoteis de baixo custo, supuña un intento deliberado de beneficiarse do bo nome da súa marca. O xuíz deu a razón a McDonald?s e os primeiros hoteis abríronse coa marca Sleep Inns. Neste caso , os peritos lingüistas corroboraron que o prefixo, e a súa particular sonoridade, poderían inducir a confusión aos potenciais clientes.
Dous famosos casos de plaxio: Cela e Ana Rosa
«Non se vaian, aínda hai máis». Hum, estou a apropiarme dunha frase que escoitei centos de veces nos debuxos animados de Terry Toons e, se non cito a fonte, alguén podería molestarse. É moi difícil dicir hoxe en día algo verdadeiramente orixinal e a apropiación de ideas e palabras doutros, aínda que se disfrace, pode converterse en plaxio e ás veces chegar a ser delito. Cando o profesor che pide un traballo a partir da lectura, por exemplo, dos poemas de Rosalía, se colles fragmentos baixados de Internet e os mesturas sen ningunha elaboración, estás a cometer plaxio. Outra cousa sería que os resumas, cruces as súas ideas e extraias conclusións propias.
Dous relativamente recentes casos de plaxio afectan a personaxes ben coñecidos. A presentadora Ana Rosa Quintana presentou como súa a novela Sabor a hiel, pero foi acusada de plaxio e non sen fundamento, como demostrou o ForensicLab da Universidade Pompeu Fabar, que dirixe Teresa Turell, pioneira da lingüística forense en España, que detectou 80 páxinas de parágrafos tomados tal cal doutras obras. A coñecida presentadora tivo que saír ao paso das acusacións para defender a orixinalidade da súa obra e acusou do engano ao seu negro, como popular, e despectivamente, se coñece aos escritores profesionais que auxilian a famosos aos que, por razóns de mercadotecnia, as editoriais piden que escriban libros. Neste caso, a editora terminou por retirar a novela do mercado.
Máis ruído armou La cruz de San Andrés, de nada menos que todo un nobel. Carmen Formoso querelouse contra Camilo José Cela por considerar que plaxiara a súa obra Carmen, Carmela, Carmiña. Doce anos tardou en sentar no banco a José Manuel Lara, o dono de Planeta, que fixera a Cela gañador do seu premio, dotado con 50 millóns de pesetas, por esta novela. E tería sentado tamén ao escritor, se este aínda vivira. Tomás Yebra relatou en La Voz a concisa confesión que lle arrincara anos atrás: «Todos cometemos erros nesta vida».
MOITO CSI
Nestes exemplos tratamos de resumir os ámbitos nos que operan os CSI da linguaxe, que en realidade son aínda máis variados. O da linguaxe xurídica estuda a comprensión de textos para loitar contra a vulneración dos dereitos lingüísticos. Hai un campo que investiga probas lingüísticas en dúas liñas diferentes: a penal, para tratar de identificar aos falantes (como no caso Evans, aínda que sobre todo opera no plano fonético) e a civil, para detectar plaxios e vulneración doutros dereitos da propiedade intelectual. Hai un ámbito máis, o da linguaxe xudicial, que se centra en asegurar que as testemuñas, xurados populares e acusados comprenden correctamente o que se di nun xuízo.
ACTIVIDADES
- Vídeo e transcrición do diálogo de «Unha noite na ópera»: http://bit.ly/1RzwSfu
- Le en La Voz por que un xuíz obriga a Bankia a devolver as preferentes a un empregado que non comprendía o que estaba a comprar: http://bit.ly/1bFxMBo
- Se queres coñecer máis detalles do caso Evans, podes buscalo na Wikipedia en inglés. Tes un resumo en http://historiaybiografias.com/caso_evans/. E en http://bit.ly/1nbefs6, a relación entre o nacemento da lingüística forense e o caso.
- Para ampliar información sobre o litixio de McDonald's contra Quality Inns, podes ver a noticia en «The New York Times» (http://nyti.ms/1nb8dr1).
- Le na hemeroteca de La Voz as desculpas de Ana Rosa (http://bit.ly/20gjDlI) e a confesión de Cela (http://bit.ly/1nzFaI0).
- Se queres ampliar información sobre as tarefas da lingüística forense, podes ler a presentación do máster que ofrece a Universidade de Xirona (http://bit.ly/1nCDpd3).
- ¡Coidado! ¡É fácil descubrirche! Non caias na tentación de baixarche un traballo de Internet e presentalo coma se fose teu. O programa Copycatch, de CFL Software, proporciona ferramentas para descubrir o plaxio. Le o que din na súa web (http://www.cflsoftware.com/): «Copycatch Gold é utilizado por profesores universitarios desde hai 15 ano para analizar os plaxios e as copias dos traballos de estudantes», din na presentación do produto.