Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

As aves do barro 

Antonio Sandoval Rey

LA VOZ DE LA ESCUELA

STEFAN BERNDTSSON
Unha andoriña de cu branco fabrica o seu niño
STEFAN BERNDTSSON Unha andoriña de cu branco fabrica o seu niño Stefan Berndtsson

A andoriña de cu branco, elixida pola Sociedade Galega de Ornitoloxía ave do ano 2015, empezou a chegar desde África tralo inverno, pero as súas colonias están a diminuír

06 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O primeiro que ven nada máis romper a casca é barro. As paredes de barro do seu estreito niño. Os seus pais fabricárono debaixo dunha cornixa, unha terraza, unha galería ou un beirado. Utilizaron pequenos grumos de barro recolleitos en calquera charca ou humidal das proximidades, que logo reforzaron con herbas secas e pallas. Eses grumos funcionan como minúsculos ladrillos de adobe que, postos uns sobre outros e secados á luz do sol, terminan por parecerse a unha cunca. O resultado final é moi duro, como unha cerámica ben forneada. E a súa entrada, situada na parte superior, tan pequena que parece incrible que poidan caber por ela.

Desde esa entrada chégalles os poliños a primeira luz que coñecen. Pasan os primeiros días da súa vida comodamente instalados nun berce de plumas e herba seca. Son entre tres e seis irmáns. É a nai quen se encarga da súa alimentación a primeira semana. Logo xa a axuda o pai, e con frecuencia algún fillo de ambos dunha polada anterior. Dar de comer a tantas boquitas famentas é esgotador. Ata que, aos 19 días de nacer, o primeiro voantón anímase a asomarse ao exterior e saltar fóra de forma definitiva. Os máis preguiceiros tardan 25 días. Para entón as súas plumas xa están en perfectas condicións para voar.

Aprenden rápido a dominar o aire. E a cazar os pequenos insectos alados, que son o seu alimento. Vanse independizando. Intégranse en cuadrillas de mozos cada vez máis numerosas. A partir de agosto, nalgúns lugares reúnense por centos, a miúdo pousados nos cables da luz. Xa palpita nos seus pequenos corazóns a chamada de África. Pouco despois comeza a súa viaxe cara ao sur. Os seus maiores tardan pouco en seguirlles. Van deixando atrás o seu lugar de nacemento. Voan primeiro, como tantas outras aves, cara ao estreito de Xibraltar. Fano sobre todo de día. Logo teñen que cruzar primeiro o deserto do Sahara. E despois grandes extensións tropicais e salvaxes.

O destino invernal da maioría é o oeste e sur de África. En ocasións voan moi alto para capturar as nutritivas nubes de mosquitos e moscas do verán austral. Chegouse a atopalos incluso a 2.500 metros ceo arriba. Permanecen alí ata xaneiro. O que nese mes palpita nos seus corazóns é a chamada de Europa. Así que parten de volta. Saben moi ben onde van.

As andoriñas de cu branco nunca esquecen a súa casa de barro. As aves adultas volven a miúdo exactamente ao seu niño do ano anterior. Chegan a el a partir de marzo, pero sobre todo en abril. Se non está onde o deixaron, porque caeu ou foi derrubado, fabrican un novo. Se está un pouco deteriorado, fan os arranxos necesarios. E en pouco tempo ponse a criar. Os mozos buscan parella e constrúen o seu propio fogar. O seu instinto dilles como facelo.

Convértense así, outra primavera máis, nalgúns dos veciños máis vistosos de moitos pobos e algunhas cidades. Vistosos, porque os seus trinos enchen as rúas e prazas de alí onde teñen as súas maiores colonias. Nelas os niños de barro apértanse uns con outros igual que chalés acaroados. A súa presenza é unha alegría para moitas persoas que, ademais de gozar dos seus voos, son conscientes de como nos axudan: as andoriñas de cu branco son os mellores insecticidas que existen. Cantos máis haxa, máis baixo control estarán moscas e mosquitos.

Axuda a atopar colonias de andoriñas de cu branco

A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) declarou no 2015 ave do ano a andoriña de cu branco, alarmada pola diminución das súas colonias en moitas localidades e o empeño dalgunhas persoas en derrubar moitas das existentes noutras. Puxo en marcha unha campaña de recollida de información acerca da existencia das máis importantes, e denunciou algúns intentos de eliminación de niños.

Agora ti tamén podes colaborar. Todo o que se necesita é que descubras se existen niños de andoriña de cu branco preto de onde vives e que nos envíes o que atopes a La Voz de la Escuela: prensa-escuela@lavoz.es

A información que necesitamos é esta:

  • Número de niños utilizados e baleiros.
  • Dirección (rúa ou lugar, parroquia, municipio...).
  • Data da observación.

Ademais, pódeste animar a facer un seguimento de cada colonia próxima. Pode ser un proxecto moi interesante para a túa cuadrilla ou para a clase. Canto necesitades é pasar de cando en vez xunto a cada colonia e comprobar como avanza a tempada de cría. ¿Están a construírse niños aínda? ¿Cando voan os primeiros pitos? ¿Hai unha segunda posta unha vez voou a primeira polada do ano?

¡Grazas pola túa colaboración! Nestas páxinas iremos publicando algúns dos resultados.

A andoriña de cu branco

É unha andoriña pequena e compacta, co dorso negro e o garupa (onde nace a cola) branco e as partes inferiores tamén brancas. A miúdo voa máis alta que a andoriña común, da que é moi fácil de diferenciar precisamente por esa mancha branca xusto onde nace a cola. Adoita construír colonias de niños acaroados a edificios. Son en forma de cuncas de barro e adoitan estar instalados baixo unha soleira, un beirado e lugares similares das fachadas.

As outras andoriñas de Galicia

Retirar os seus niños está prohibido

Lamentablemente a algunhas persoas parécelles mal que os avións comúns instalen as súas casas de barro nas fachadas dos seus edificios. Din que os afean ou ensucian. De modo que se dedican a botalos abaixo. Ás veces quen o fai é alguén a quen se lle suporía maior sentido común e sensibilidade. Por exemplo, responsables municipais. ¡O que non saben é que a lei prohibe retirar os niños das especies protexidas!

¿Que facer se está a piques de suceder algo así? Nesta ligazón de SEO/BirdLife tes toda a información necesaria:

? http://bit.ly/1RMY4Cl