Castigadas sen Nobel

Francisco J. Franco del Amo

LA VOZ DE LA ESCUELA

Matilda Joslyn Gage describiu por primeira vez o silenciamento das mulleres científicas
Matilda Joslyn Gage describiu por primeira vez o silenciamento das mulleres científicas Library of Congress

A comunidade científica segue sendo remisa a recoñecer o traballo das investigadoras

10 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A fisión nuclear; a composición do Sol; a causa da síndrome de Down; os púlsares, que son estrelas de neutróns que viran a gran velocidade; a extinción das especies; o primeiro algoritmo codificado, considerado como o primeiro programa de computador; a conexión entre as formas simétricas na natureza e as leis fundamentais da física; a radiación, o radio e o polonio; a técnica do espectro ensanchado, que permitiu as comunicacións sen fíos a longa distancia e a tecnoloxía wifi; a capacidade que teñen certos xenes de saltar entre diferentes cromosomas, e o cálculo da traxectoria do Apolo 11, a nave que levou ao home á Lúa. Todos estes descubrimentos e avances científicos -poderíanse citar moitos máis- teñen en común que foron realizados por mulleres. Con todo, nalgúns casos eliminouse completamente que foran grazas a mulleres, noutros recoñeceuse de mala gana e de forma moi tardía e só nuns poucos, moi excepcionais e imposibles de ocultar, recoñeceuse abertamente.

O caso de Trótula de Salerno, tamén coñecida como Trótula Ruggiero, é moi representativo. Trótula foi unha médica italiana que naceu a principios do século XI. Actualmente é recoñecida como a fundadora da obstetricia e a xinecoloxía, pero o seu labor permaneceu premeditadamente ignorado durante séculos. Entre outros importantes textos escribiu o Trótula maior, un tratado sobre enfermidades da muller que se usou ata o século XVI como texto obrigatorio nas facultades de medicina europeas. Debido á exclusión das mulleres do exercicio da medicina, que se prolongou ata finais do século XIX, o tratado en cuestión foi plaxiado por numerosos médicos homes e a partir do século XV atribuíuse a un médico chamado Trótulo ou Trotulus, nun intento de eliminar definitivamente que a súa autora fora unha muller.

 

Moitas destas situacións son froito da exclusión e da dificultade histórica que tiveron as mulleres para acceder aos ámbitos científicos e universitarios. Sen ir máis lonxe, en España as mulleres non puideron matricularse na Universidade ata 1910. É moi famoso o caso da galega Concepción Arenal (Ferrol, 1820-Vigo, 1893) que estudou Dereito na Universidade de Madrid entre 1841 e 1846, pero asistindo a clase como oínte e disfrazada de home. Nos Estados Unidos e a maioría dos países occidentais, os progresos das mulleres no mundo universitario e científico non empezaron ata os anos setenta do século pasado. E nalgúns países europeos, como o Reino Unido, excluíuse legalmente ás mulleres de numerosos ámbitos científicos ata ben entrada a primeira metade do século XX.

Se a incorporación plena da muller aos ámbitos científico e universitario foi un proceso lento e difícil, o recoñecemento público da súa actividade científica está aínda por chegar. Sen ir máis lonxe, dos 881 galardoados co premio Nobel, só 48 son mulleres (un pírrico 5 %). O Premio Nobel de Física é o que máis se resiste ás científicas: só llo concederon a dúas mulleres. Algo parecido sucede cos premios científicos máis prestixiosos do noso país: o Princesa de Asturias, os nacionais, o Jaime I e o Frontera BBVA): o 89 % das ocasións foron concedidos a homes.

Premio polémico

A finais de 1938, un equipo de científicos do que formaban parte a física Lise Meitner (1878-1968) e o químico Otto Hahn (1879-1968) descubriu que, en determinadas condicións, os núcleos dos átomos moi pesados podían dividirse en varios núcleos máis lixeiros, emitindo partículas subatómicas e liberando unha gran cantidade de enerxía. O descubrimento desta reacción, que se coñece como fisión nuclear, foi dunha gran transcendencia para o desenvolvemento posterior da física e a química, algo que o Comité do Nobel recoñeceu dedicándolle o premio de química de 1944. Pero, nunha decisión moi controvertida, o comité só recoñeceu como autor a Hann e ignorou a Meitner.

O efecto Matilda

A predisposición en contra de recoñecer os logros das mulleres investigadoras que aínda persiste na comunidade científica chámase efecto Matilda, nome que lle puxo a historiadora da ciencia Margaret W. Rossiter (1944) en honor á sufraxista Matilda Joslyn Gage (1826-1898), que foi quen describiu o fenómeno por primeira vez no ensaio «A muller como inventora».

 

Quen descubriu que. Estas son as autoras dos descubrimentos científicos que mencionamos ao principio do artigo:

  • Cecilia Payne (1900-1979)
  • Marthe Gauthier (1925)
  • Lise Meitner (1878-1968)
  • Jocelyn Bell (1943)
  • Mary Anning (1799-1847)
  • Ada Lovelace, que era filla de lord Byron (1815-1852)
  • Emmy Noether (1882-1935)
  • Marie Sk?odowska-Curie (1867-1934)
  • Hedy Lamarr, tamén coñecida por ser una famosísima actriz de Hollywood (1914-2000)
  • Barbara McClintock (1902?1992)
  • Katerine Johnson (1918)

Propómosvos que intentedes asignar a cada unha o seu descubrimento.