Tras o rastro do Coxo de Bulso

LEMOS

Un indiano do século XVIII centra una ruta cultural inaugurada en Sober polo colectivo Os Lactouros

04 mar 2008 . Actualizado a las 10:35 h.

Os feitos históricos conservados na tradición oral de Sober centran en boa parte unha nova ruta de sendeirismo que foi percorrida por primeira vez o pasado domingo por membros da asociación monfortina Os Lactouros. O itinerario discorre polas chamadas terras de Brosmos e foi preparado polo edil soberino Alfonso Campos e o antigo concelleiro de Cultura Luis Fernández Guitián, afeccionados ambos a investigar as tradicións locais, que teñen previsto deseñar outras nove rutas polo territorio muncipal.

Un dos principais puntos de interese da ruta son as pegadas que deixou un indiano do século XVIII recordado na memoria oral co sobrenome do Coxo de Bulso, «que parece un personaxe de novela», apunta Campos. Polo que contan aínda hoxe os veciños, este home retornou a Sober despois de pasar moito tempo en América, onde amasara unha fortuna importante. Parece que foron os remordementos de conciencia -por supostos crimes que os veciños non coñecían- e unha confesión cun crego coñecido como o Cura Vello de Pinol, o que o levaron a gastar boa parte do seu diñeiro na construción do santuario de Cadeiras, para o que contratou a uns canteiros de Vilameá e un grupo de talladores de pedra procedentes de Portugal. A obra quedou inacabada porque o indiano e o cura disputaron a causa dos cartos. As pedras con que se ía rematar o templo, xa cortadas e preparadas- acabaron servindo para construír a igrexa de Santa Cruz de Brosmos.

Petróglifos

A ruta pasa por estas dúas igrexas e por outros lugares das parroquias de Brosmos, Bulso, Santiorxo, Lobios e Pinol, cun percorrido total de en torno a 12,3 quilómetros. Entre outros puntos de interese, ademais das igrexas románicas dos dous últimos lugares mencionados, destaca a presenza de varios grupos de petróglifos, algúns dos cales -situados no monte de Veliños e no lugar do Val- foron achados moi recentemente e aínda están sen inventariar.

Tras este percorrido de proba -que non chegou a completarse por estar demasiado encharcado algún tramo-, Campos e Guitián teñen a intención de perfilar o itinerario con máis detalle. Entre outros aspectos, falta aínda por averiguar o verdadeiro nome do indiano que pasou á historia local como o Coxo de Bulso.