«As modistas eran moi boas clientas, coas súas tesoiras»

Rodrigo Fernández
Roi Fernández CHANTADA/LA VOZ.

LEMOS

Asiduo das feiras de Chantada, Carballo vese como un dos últimos representantes do seu oficio

06 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Veciño da localidade de Regueiro, do municipio ourensán de Esgos, Carlos Carballo Álvarez non falta nunca ás feiras de Chantada. Na esquina das rúas Calvo Sotelo e Luciano Travadelo instala periodicamente o seu posto, onde vende variados tipos de ferramentas e utensilios domésticos de fabricación tradicional, que tamén se dedica a arranxar.

-¿O seu é outro oficio en extinción?

-Pois si, cada vez máis. Este negocio depende da poboación rural, que é a nosa principal clientela. Como cada vez vive menos xente nas aldeas, menos necesidade hai destas cousas. As modistas tamén eran moi boas clientas, coas súas tesoiras, porque porque sempre necesitaban afialas ou amañalas, pero cada vez hai menos. Eu teño 33 anos e son dos máis novos que se dedican a isto, pero xa imos quedando moi poucos.

-¿A xente segue traéndolle ferramentas para reparar?

-Si, e como non falto a ningunha feira, os clientes déixanme as ferramentas para que llelas traia xa arranxadas na seguinte feira. O máis habitual é ter que cravuñar un machado ou afiar os fouciños. Deixando o nome do cliente escrito no mango, logo sei de quen é cada apeiro.

-¿Vostede axuda moito a que siga viva a artesanía local?

-A miña mercadoría e case toda fabricada por artesáns da nosa terra e non se usa precisamente para adornar, porque aínda se merca para darlle o seu uso orixinal. Os cestos son para cargar leña ou apañar folla. E tamén continúan usándose as navallas, os trasfugueiros para o lume, as caldeiras, as trampas para os ratos... hai xente que segue empregando todas estas cousas nas súas casas, aínda que cada vez sexan menos.