O colectivo dedica por segunda vez unha publicación ao patrimonio da zona
10 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.A asociación cultural O Sorriso de Daniel dedicou o seu terceiro calendario á divulgación do románico da Ribeira Sacra lucense, facendo fincapé no mal estado de conservación do Palacio de Diomondi. Unha imaxe deste edificio no seu estado actual -apuntalado e cuberto con lonas- aparece na contraportada exterior da publicación, xunto cun texto que recorda o derrumbamento que sufriu a súa fachada en decembro do 2010, sinalando que a día de hoxe permanece sen rehabilitar.
O calendario inclúe tamén fotografías das igrexas de Santo Estevo e San Vitoiro de de Ribas de Miño, San Lourenzo de Fión, Santa María de Seteventos, San Martiño da Cova, Santa María de Marrube -situadas no municipio do Saviñao-, Santo Estevo de Atán, San Fiz de Cangas, San Miguel de Eiré, San Vicente de Pombeiro e o mosteiro das Bernardas de Ferreira, no municipio de Pantón. Estas imaxes, que corresponden cada unha a un mes, están acompañadas por frases extraídas de obras dos historiadores e escritores Jaime Delgado Gómez, Nicanor Rielo, Xosé Lois García, Ángel del Castillo, Ramón Yzquierdo Perrín, Alicia Suárez-Ferrín e Bernardo Regal, así como de varios documentos históricos, como un testamento do bispo Odoario e unha doazón asinada pola infanta Urraca, filla do rei Afonso VI.
Outras imaxes
A portada do calendario, por outro lado, mostra unha fotografía das esculturas da porta sur da igrexa de San Paio de Diomondi e na contraportada aparecen fotografías da Virxe románica conservada nesta última igrexa, o relevo da Epifanía da igrexa Santo Estevo de Ribas de Miño e o calvario gótico labrado en madeira proceden do tempo de San Fiz de Cangas que se conserva actualmente no Museo de Arte Sacra de Monforte.
O calendario foi publicado co apoio do bispado lucense e da área de Cultura e Turismo da Deputación. É a segunda vez que O Sorriso de Daniel dedica unha publicación deste tipo ao románico da Ribeira Sacra. O ano pasado editou outro calendario con imaxes de monumentos románicos da zona ourensana, no que se denunciaba o estado de abandono e ruína do mosteiro de San Paio da Abeleda, en Castro Caldelas.