Cando Manuel María acolleu a Ernesto Cardenal na Xistral

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

Unha obra de Xosé Lois García lembra aspectos pouco coñecidos da vida monfortina do poeta

11 feb 2016 . Actualizado a las 12:58 h.

O recente libro Manuel María reencontrado, do escritor chantadino Xosé Lois García, está dedicado en grande parte ás relacións que mantivo o protagonista do próximo Día das Letras Galegas coas terras do sur lucense, sobre as que achega numerosos detalles pouco coñecidos. Entre eles figura a fotografía da dereita, tomada en xuño de 1997 na librería Xistral, que o poeta rexentou coa súa dona Saleta Goi. A imaxe recolle unha visita que fixo entón a Manuel María o famoso escritor e sacerdote nicaraguano Ernesto Cardenal, quen desempeñou entre 1979 e 1987 o cargo de ministro de Cultura do seu país.

Durante a súa visita, Manuel María levou a Cardenal a coñecer algúns dos monumentos históricos locais, entre eles o Museo de Arte Sacro do convento de Santa Clara. García apunta que pola librería e o domicilio monfortino de Manuel María pasaron tamén outras coñecidas personalidades do mundo da cultura, tanto de Galicia como doutras comunidades e tamén doutros países, principalmente de Portugal. «A Xistral era un fervedoiro de xente que visitaba Monforte por iniciativa súa, pero esas visitas ilustres pasaban desapercibidas para a maioría da xente porque Manuel María era unha persoa modesta e non lle gustaba darlles publicidade», sinala.

Con respecto a estas relacións, o libro de García -nun capítulo específico dedicado aos vínculos de Manuel María con Cataluña- fala da súa amizade co poeta Salvador Espriu, un dos grandes referentes da literatura en lingua catalá da segunda metade do século pasado, que non chegou a visitalo en Monforte. Neste caso, foi Manuel María quen visitou a Espriu no seu domicilio de Barcelona. O encontro -no que participou García- levouse a cabo en 1976, durante unha semana dedicada á cultura galega que organizou unha asociación barcelonesa de amigos da Unesco.

Programas festivos e pregóns

A obra de Xosé Lois García resalta tamén outros aspectos pouco divulgados das actividades do poeta durante as catro décadas que pasou en Monforte, como o feito de que foi un colaborador asiduo nos programas das festas patronais. A primeira vez foi en 1959, só un ano despois de instalarse na cidade, cun artigo titulado Sobre la necesidad de un museo. O texto estaba en castelán -apunta o biógrafo- porque «os programas eran editados polo Concello e os alcaldes eran adeptos ao réxime e nomeados polo gobernador da provincia», nunha época en que «o uso da lingua castelá era obrigatorio na administración pública, oral e escrita». Tamén están en castelán outros artigos que o escritor publicou nos programas festivos de 1961 e 1964, titulados respectivamente La calle mayor -no que fala da rúa Cardeal- e Don Luis de Góngora y Monforte.

Polo contrario, unha colaboración súa no programa das festas de 1962 apareceu en galego, pero neste caso trátase dun poema -titulado Elexía dos días da provincia-, aproveitando a maior tolerancia que había en canto á publicación de textos poéticos. O folleto das festas de 1969 inclúe outros seis poemas seus, todos en galego e dedicados a Monforte. Ao ano seguinte volveu colaborar nesta publicación co poema Canción de amor á cidade de Monforte de Lemos, que dedicou ao cronista oficial Manuel Hermida Balado. Manuel María participou tamén cun poema nun programa editado en 1971 para as festas do Carme, no barrio da Estación. En 1969 exerceu como pregoeiro nas festas do barrio de San Antonio cun discurso de cariz cívico que terminou coa frase: «E somentes o pobo é quen pode facer o noso futuro».

Episodios conflitivos

Por outra parte, García aborda tamén algúns episodios conflitivos da vida monfortina de Manuel María. Un deles tivo lugar o 12 de agosto de 1975, data da morte en Ferrol do sindicalista e activista Xosé Ramón Reboiras. O autor, que estaba en Monforte, presenciou o «dispositivo que tiña a policía secreta en torno dos movementos de Manuel e Saleta e outros militantes nacionalistas locais». A obra tamén recorda que despois dos sucesos das festas patronais de 1979 -nas que se produciu unha carga policial na que morreu un veciño- Manuel María e a súa muller recibiron unha serie de chamadas telefónicas e anónimos ameazantes que os acusaban de ser instigadores daqueles feitos.

un retrato para a galería

O instituto A Pinguela celebrará o próximo Día das Letras Galegas incorporando un retrato de Manuel María á súa galería de monfortinos ilustres. A obra -na imaxe da esquerda- foi realizada polo pintor lucense Maximiliano López e será entregada ao centro educativo en datas próximas. Nesta colección de retratos xa figuran o científico Antonio Casares, o médico e escritor José Goyanes Capdevila, o militar e historiador Andrés García Camba e o poeta Lois Pereiro. Manuel María tiña o título honorífico de fillo adoptivo de Monforte. García sinala que cando chegou á cidade en 1958 xa publicara algúns libros, como Muiñeiro de brétemas e Terra Chá, pero que a partir de entón toda a súa vasta obra literaria foi escrita en Monforte