Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Os montes comunais non só serven para vender madeira»

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

En Folgoso do Courel presentarase mañá un proxecto de creación de cooperativas en zonas protexidas

02 sep 2016 . Actualizado a las 12:03 h.

Na casa consistorial de Folgoso do Courel presentarase mañá -ás 11 horas- un proxecto de desenvolvemento económico promovido polo grupo emprendedor Biomasa Lugo e dirixido ás comunidades de montes das áreas naturais protexidas. Antón Tenreiro, responsable de márketing e relacións desta entidade, explicará o proxecto xunto co seu coordinador, Juan Antonio Aranda.

-¿En que consiste o que lle propoñen ás comunidades de montes?

-Trátase de adherirse a unha iniciativa que ten por finalidade favorecer a creación de cooperativas que aproveiten os recursos forestais, gandeiros e agrícolas das zonas incluídas na Rede Natura e nas reservas da biosfera. O noso grupo conta con expertos na xestión destes recursos que poden proporcionar aos veciños a formación necesaria sen necesidade de que teñan unha titulación previa. Estes cursos son impartidos por profesores universitarios e por outros profesionais recoñecidos.

-¿Sobre que tipo de actividades económicas poden ofrecer formación?

-Unha delas consiste no aproveitamento dos residuos forestais e gandeiros para a producción enerxética mediante biomasa e biogás. Estas actividades poden proporcionar beneficios económicos importantes e ao mesmo tempo axudar á limpeza dos montes e á prevención dos incendios. Tamén podemos dar formación sobre a produción de cogumelos e sobre outras actividades adaptadas á realidade destes territorios. O que se pretende é facer ver que os montes en man común teñan outras utilidades e que non só serven para vender madeira ás empresas madeireiras. É unha iniciativa participativa concebida para que teña un carácter eminentemente prático e non para que quede na teoría, como sucede moitas veces.

-¿Non resulta difícil fomentar o emprendemento nunhas zonas moi despoboadas e cun alto envellecemento demográfico?

-É difícil, pero hai experiencias de creación de cooperativas en territorios deste tipo que demostran que é posible. É certo que en zonas como as serras do Courel ou dos Ancares vive hoxe moi pouca xente nova disposta a emprender proxectos. Pero hai moita persoas que son fillos ou netos de propietarios de montes en man común que hoxe viven noutros lugares e que se poden interesar por unha iniciativa deste tipo. Na situación actual, a xente nova que non ten alternativas de emprego e que se cadra non ten máis saída que a emigración pode animarse a crear cooperativas desta clase.

-¿Hai comunidades de montes que xa se adherisen a este proxecto?

-Na actualidade contamos con máis de sesenta, que suman en coxunto moitos miles de hectáreas aproveitables. Desde que puxemos en marcha este proxecto xa mantivemos reunións con comunidades das reservas da biosfera dos Ancares e Terras do Miño. Despois da reunión do Courel teremos outra na Fonsagrada con comunidades da reserva do Eo, Terras de Burón e Os Oscos.