A inclusión da Ribeira Sacra na Ruta Transrománica, un novo impulso
01 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.A provincia de Lugo está de parabéns tras coñecerse esta semana que a Ribeira Sacra xa forma parte da Ruta Transrománica Europea, unha rede patrimonial integrada nos itinerarios culturais do Consello de Europa. En España só había outros dous espazos con este selo turístico, o casco histórico de Zamora e o mosteiro de Santo Domingo de Silos (Burgos). O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, foi o impulsor de presentar a candidatura lucense a esta ruta do románico en Europa.
-Por que decidiron dálo paso de optar a esta ruta?
-Hai un ano, nunhas xornadas que promovía a Fundación Juana de Vega sobre o Camiño de Inverno, no Parador de Monforte, anunciei que o iamos intentar. O equipo que lidera a deputada Pilar García Porto fixo un bo traballo e o expediente foi valorado por unanimidade polo comité científico. É importante para conseguir que a Ribeira Sacra sexa Patrimonio da Humanidade. Non hai que esquecer que foi a Deputación a que liderou o inicio deste proceso, con Besteiro de presidente, e logo se sumou a de Ourense, a Xunta e agora é o Goberno central quen o presenta ante a Unesco.
-Que supón estar dentro desta Ruta Transrománica?
-Intégrana rutas de doce rexións de nove países europeos, co que gañaremos proxección internacional. A Ribeira Sacra ten a segunda maior concentración de románico do mundo e agora estamos nun itinerario cultural no que só hai outros dous en España. Creo que nos dá un impulso como destino turístico de calidade.
-Supoño que haberá que facer agora unha promoción da ruta?
-Si, a temos que incluír en todos os documentos turísticos que elaboramos e facer unha promoción intensa. Na candidatura tiñamos un límite de monumentos para presentar e optamos por coller dez igrexas representativas doutros tantos concellos, e desa maneira intentamos integrar a todos. Agora, co tempo, xa poderemos ir metendo máis igrexas románicas, non só da Ribeira Sacra, senón de toda a provincia.
-E curioso que aínda hai moita xente en España que descoñece a Ribeira Sacra?
-E que en termos de promoción é moi recente con respecto a outros destinos turísticos, como por exemplo na nosa mesma provincia, A Mariña. Pero creo que agora comeza a estar de moda, e este verán, a pesar do covid-19, veu moita xente a visitar a Ribeira Sacra e Monforte. Nos buscadores da Xunta é o segundo destino más visitado tras Santiago. E incluso en setembro tivemos ata seis mil persoas no catamarán de Ponte do Sil.
-Falaba esta semana de turismo de calidade para a provincia.
-E que nós non podemos competir co Levante, polo que temos que basearnos en valores que nos fan únicos grazas á paisaxe, ao patrimonio, á gastronomía... Somos a única provincia que dispoñemos dunha variedade turística que permite aos turistas poder crear o seu itinerario. Contamos con 100 quilómetros de costa, dispoñemos dunha Terra Chá, temos unha capital cun pasado romano visible, contamos coas montañas dos Ancares e do Courel, e finalmente ofrecemos a Ribeira Sacra e o val de Lemos.