Entregados os premios aos gañadores da edición 2020 do concurso de Aosta

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Os adegueiros premiados en Aosta e o presidente da DO Ribeira Sacra, na entrega de premios
Os adegueiros premiados en Aosta e o presidente da DO Ribeira Sacra, na entrega de premios NEMESIS AUDIOVISUAL

As adegas da Ribeira Sacra volveron esta vez con once medallas de ouro

18 dic 2020 . Actualizado a las 18:49 h.

A denominación de orixe Ribeira Sacra entregou este venres os premios do Mondial des Vins Extremes, que tivo lugar o pasado mes de agosto na rexión italiana do Val de Aosta. Habitualmente, esta entrega de premios celébrase xunto coa comida de Nadal da denominación de orixe, pero este ano foi preciso organizalo doutro xeito para cumprir coas normas de saúde pública en vigor desde que comezou a pandemia. A entrega celebrouse no centro do viño da Ribeira Sacra, en Monforte.

Once marcas de adegas da denominación de orixe Ribeira Sacra obtiveron medallas de ouro na edición 2020 deste certame internacional de viños cultivados en terreos extremos.

Na categoría de viños brancos da colleita do 2019, logrou medalla de ouro Viña Garoña, de adegas Viña Garoña S.L.

En canto á categoría de tintos das colleitas 2019 e 2018, os ouros da Ribeira Sacra foron para Os Cipreses 2018. de Rabelas S.L.; Acivro 2018, de Adegas Salvadur S.L; Garoubas 2018, de Fidel Gallego Carreira; Ciudaseis Pedras Altas barrica 2018, de María Gloria Alvarín Losada; Abadía da Cova Xuño 2018. de Adegas Moure S.A.; e Finca cuarta 2019, de Rubén Moure Fernández.

E na categoría de viños tintos das vendimas 2017 e anteriores, gañaron ouros Finca La Capitana 2014, de Regina Viarum S.L.; Adega Barbado 2017, de Javier Méndez Arias; Finca Cuarta 2017, de Rubén Moure Fernández; e Alcouce 2014, de Chao do Couso S.L.

A denominación de orixe Ribeira Sacra presentaba á edición deste ano un total de 64 mostras pertencentes a 36 adegas, 53 de viños tintos e 11 de brancos.

Na entrega de premios deste venres, o presidente do consello regulador, José Manuel Rodríguez, lembraba a boa relación que a Ribeira Sacra ten con este certame, que naceu na mesma época que esta denominación de orixe. «Este certame é un dos máis importantes porque as características dos territorios e dos viños fan que a D.O. Ribeira Sacra sexa un dos espazos máis representativos deste tipo de viticultura», apunta José Manuel Rodríguez». O presidente do consello regulador engadiu que «o sector do viño neste tipo de territorios tan complicados é fundamental para asentar poboación e para manter a paisaxe» e afirmou que «toda a dinamización económica e turística deste territorio é consecuencia dunha paisaxe coidada que comezou co viño».

O Mondial das Vins Extrêmes está organizado polo Centro de Investigación, Estudios, Salvagarda, Coordenación e Valorización da Viticultura de Montaña (CERVIM). Ten como obxectivo servir de escaparate internacional para os viños producidos en territorios de montaña ou procedentes de cultivos extremos. Para entrar nese clube é preciso acreditar a existencia de zona de cultivo a altitude superior a 500 metros, unha pendente do terreo superior ao 30% ou sistemas vitícolas de cultivo en terrazas.