«Hai tres meses soñei que nacería o 3 de xaneiro, e naceu»

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Marcos Osorio e Ana Fernández coa súa filla Laura, este luns no hospital de Monforte
Marcos Osorio e Ana Fernández coa súa filla Laura, este luns no hospital de Monforte CEDIDA

Laura, de Chantada, é o primeiro bebé do 2021 no hospital de Monforte

06 ene 2021 . Actualizado a las 13:31 h.

O primeiro bebé nacido no 2021 en Monforte chámase Laura e é de Chantada. Non compite cos primeiros partos do ano porque houbo que agardar tres días para que chegase, pero Laura conseguiu atinar xusto na data que pronosticara o seu pai. «Hai tres meses -conta o pai- soñei que ía nacer o 3 de xaneiro, e díxenllo a toda a familia, e naceu do día 3».

O primeiro nacemento do 2021 demorouse no Hospital Público de Monforte ata o día 3 pola mañá. Laura é a primeira filla de Ana Fernández, de 28 anos, e de Marcos Osorio, de 23, dous veciños de Chantada que pasaran o 2 de xaneiro axudándolles os pais del nunha matanza. A primeira hora da noite volvían á súa casa antes de que as once comezase o toque de queda, pero xa non chegaron. «Creo que desta noite non pasa», díxolle Ana ao seu home xa camiño de Monforte despois de se dar conta de que acababa de romper augas. Pero si pasou desa noite. O parto demoraríase aínda trece horas máis. Ana non saía de contas ata o día 10.

O segundo foi Héctor

Laura e a súa nai descansan no hospital de Monforte á espera de que lles dean a alta. Tiveron menos visitas das habituais, porque os protocolos de prevención de contaxios limitan o acceso ás plantas do hospital. Polo de agora xa coñeceron persoalmente á nena os seus avós e os seus tíos. O resto da familia terá que agardar un pouco a que Laura e os seus pais poidan ir a Chantada. Laura está actualmente no paro, aínda que ata hai uns meses traballaba nun supermercado de Chantada. E Marcos será o primeiro chantadino en aproveitar a nova baixa de paternidade de 16 semanas, catro máis que antes, aplicable a todos os pais con fillos nacidos desdeo 1 de xaneiro do 2021.

Laura é o primeiro bebé do ano no hospital de Monforte, pero non é o único. Este luns día 4 chegou Héctor. É o primeiro fillo de Beatriz Belón, de 42 anos, e de Miguel Ángel Martínez, de 43, dous gandeiros de Ousende, no Saviñao. O seu foi un parto programado, así que non houbo sorpresas. «O problema é agora, que a recuperación será un pouco máis longa». Héctor promete non ser un problema. «É moi boíño», asegura a súa nai.