Veciños de Hórreos e a Asociación Galega de Custodia do Territorio inaugurarán o 7 de maio a última microrreserva de flora creada no municipio de Folgoso
29 abr 2022 . Actualizado a las 15:44 h.7 de maio • Ruta desde Visuña • Os veciños de Hórreos e a Asociación Galega de Custodia do Territorio inaugurarán o 7 de maio a última das microrreservas de flora creadas na Serra do Courel. A microrreserva de Hórreos presenta unha grande variedade de plantas silvestres, entre as que destacan diferentes tipos de orquídeas. Esta é a quinta reserva de orquídeas delimitada e estudada no Courel, despois das do Alto do Couto, o Alto da Pedra, o Monte Cido e o afloramento de Visuña.
A xornada inaugural programada para o día 7 incluirá unha ruta que ten unha lonxitude de 5 quilómetros ida e volta e é de dificultade media. Guiados polo especialista Marcos Reinoso, os participantes subirán desde Visuña nunha camiñata na que a participación é gratuíta, pero que require inscrición previa. Para apuntarse é preciso dirixirse ao teléfono 620 59 38 92. A ruta comezará ás dez da mañá e o punto de partida é o bar Pombo, en Seoane do Courel. Cómpre levar calzado de monte, algo de xantar e auga.
A reserva de flora de Hórreos foi creada no ano 2019 de común acordo entre os veciños deste lugar e os biólogos Elvira Sahuquillo e Carlos Cortizo, que fixeron un inventario das diferentes especies de orquídeas e das outras especies vexetais presentes neste territorio. Daquela decidiron adiar a inauguración ata que a pandemia pasase ou a situación clínica mellorase.
Recoñecidas desde o 2017
As microrreservas vexetais son figuras recoñecidas oficialmente en Galicia desde a aprobación non ano 2017 da actual Lei do Patrimonio Natural. A de Hórreos é a última que a Asociación Galega de Custodia do Territorio ten previsto crear na Serra do Courel. Se non tratan de delimitar máis non é porque pensen que non hai outras zonas con suficiente riqueza vexetal como para merecelo, senón porque carecen de medios para xestionar mais das cinco xa existentes.
A creación destes espazos protexidos obriga a realizar observacións de xeito continuado e, nos lugares e momentos nos que resulta preciso, tamén a levar a cabo desbroces para evitar que as orquídeas e as outras especies autóctonas de especial valor medioambiental se vexan desprazadas por outras. No caso das reservas do Courel, é o Concello quen fai os desbroces, en contacto cos biólogos da Asociación Galega de Custodia do Territorio.