Edu Rodríguez non escapa a ningunha pregunta. E fala dunha ilusión que ten a afección lemista, que non é outra que competir polo ascenso a Terceira Federación. Non hai que esquecer que en maio cumpriranse vinte anos do derradeiro ascenso a esa categoría, demasiado tempo para todo un histórico como o club monfortino.
—A Terceira parece unha verba tabú no dicionario lemista. Como se pode competir para volver aspirar ao ascenso a esta categoría?
—O máis importante para optar á zona alta é ter unha boa estrutura a nivel organizativo e de club. E despois contar con outros recursos que xenere o club para poder aspirar á fichaxe de tres ou catro futbolistas diferenciais. Pero para iso hai que ir pouco a pouco. É dicir, sentar unhas boas bases e dende aí medrar. Nesa dirección imos traballar.
—Pode o Lemos aspirar ao ascenso á Terceira Federación con só xogadores da comarca?
—Ningún club de Terceira Federación está composto por xogadores da casa. É importante darlle valor á xente da casa, e nós estámolo facendo, pero tamén é importante ter eses tres ou catro xogadores diferenciais que complementen aos futbolistas da comarca.
—Vaia tándem, Edu Rodríguez-Óscar Moure.
—Sempre dixen que o traballo de Óscar Moure no Lemos foi moi bo. Salvou o equipo dunha situación moi complicada, con limitacións dentro da plantilla. É unha persoa que lle gusta o que fai e que vai medrar. Eu axudareino e el a min. E imos ir da man para que o Lemos consiga os seus obxectivos.
—Vese que está ilusionado.
—Se non estivera non tería dado o paso de fichar polo Lemos, porque eu en Chantada estaba moi cómodo. Esa ilusión é a que vou tratar de trasladar aos meus futbolistas e á afección lemista. Os afeccionados teñen que ver algo diferente. Que vexan o compromiso e a motivación do equipo. Iso fará que a público e o socio se ilusionen. É o que queremos todos que isto saia ben, e como xa dixen, que o Lemos volva estar onde realmente merece.
—Que mensaxe lle traslada á afección?
—A afección do Lemos é moi fiel. Na miña anterior etapa xa o demostrou. Nunca deixou de apoiar ao equipo, e coido que seguirán nesa liña. Pero somos nós dende dentro os que temos que enganchar á afección. E non vale só con palabras, senón que teñen que prevalecer os feitos. É fundamental que a mensaxe do club sexa clara. e que todos vexan un proxecto claro e definido, porque se é así a masa social lemista vai medrar. Estou totalmente convencido.