Conflito no colexio da Pobra do Brollón:«Non é posible que un só profesor atenda ben 17 alumnos de catro niveis diferentes»
A POBRA DO BROLLÓN
As familias deste centro educativo levan as súas reivindicacións á sede central da Xunta en Santiago
18 oct 2024 . Actualizado a las 20:21 h.As familias con fillos no colexio público da Pobra do Brollón levaron este venres a Santiago a súa reivindicación de máis profesores para este centro educativo. Os participantes na protesta permaneceron concentradas máis dunha hora e media con carteis reivindicativos ás portas da sede central da Xunta en San Caetano. Na Consellería de Educación din que revisarán a dotación de persoal do colexio, pero non garanten que vaia haber ningún cambio.
Na mobilización deste sábado participaron arredor dunha vintena de persoas, entre os que había familiares de nenos que estudan no colexio e tamén uns cantos escolares. Á comitiva, que saíu en autobús da Pobra do Brollón a primeira hora da mañá, sumáronse tamén o alcalde, José Luis Maceda, e o portavoz municipal do PSOE, Adolfo Rubio.
Mentres os demais se plantaban fronte á reixa que separa da rúa a sede da Xunta, unha representante da ANPA entraron nas oficinas da Consellería de Educación para tratar de que os recibise o máximo responsable de recursos humanos da Consellería de Educación, Jesús Manuel Álvarez Bértolo. El non estaba, pero o seu segundo nese departamento, José Carlos Barrós, accedeu a reunirse. Durante o encontro, a representante da ANPA recordoulle que desde principios deste curso os 17 alumnos que ten o centro de terceiro, cuarto, quinto e sexto de Primaria comparten aula e teñen un só profesor.
«Non é posible que un só profesor poida atender ben a 17 alumnos de catro niveis educativos diferentes», aseguran na ANPA. Os pais temen non só o empobrecemento da calidade educativa que supón a agrupación destes catro cursos nunha única clase, senón tamén que poida provocar que os alumnos marchen cara a Monforte ou outros concellos próximos, co que iso suporía para un colexio pequeno como o da Pobra.
O representante da consellería só se comprometeu a transmitir os argumentos da ANPA aos seus superiores, pero sen garantir nada.
Á concentración en San Caetano sumouse o deputado do BNG Iago Suárez, que se desprazou co alcalde da Pobra ao Parlamento para presentar canda el no rexistro da Cámara unha iniciativa que recolle as reivindicacións deste colexio.