A proliferación de construcións e materiais alleos cambiou a fisonomía desta parroquia
13 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.O desorde urbanístico é un mal arraigado en Galicia. Aínda habendo leis, plans urbanos e ordenanzas municipais, non se ve que vaia remitir a curto prazo ou que o mal xa feito teña fácil solución. Chantada ten espallados en 36 parroquias uns 325 barrios, aldeas ou lugares, cada un coa súa toponimia, as súas vivendas tradicionais na maioría dos casos ben integradas no medio e cos seus accesos ou camiños consolidados de séculos. Cando se constrúe sen integrar rómpese a harmonía dunha paisaxe organizada.
Neste casos tamén aumenta o gasto en servizos básicos e o risco para o medio ambiente. Por exemplo, á casa construída na cima do Couto da Pena hai que levarlle saneamento e acceso, e o camión do servizo de limpeza terá que dar unha voltiña máis. O mesmo para a nave de bloques de cemento levantada no Agro do Fondal, a trescentos metros do núcleo.
Pódese dar un paseo dende Chantada a San Pedro de Líncora pola estrada para ver un claro exemplo de desorganización. Antes, dende a ponte do Asma ata a igrexa de San Pedro diferenciábanse ben os catro lugares históricos: A Ponte, A Portada, O Padrairo e A Touza. Construcións de nova factura dispérsanse hoxe entre estes núcleos. É só un exemplo entre os moitos que se poden apreciar no chan de Galicia dende hai poucas décadas.
Se hai unha zona relevante que sofre a dispersión urbanística é a ribeira. E non só en Chantada, tamén no Saviñao, Pantón, Taboada e demais zonas limítrofes co Miño e o Sil. En todos eses sitios está a soar a alarma que activa a presenza dun urbanismo sen control. Ante iso, e como pasa no val e na montaña, xordeira xeral ou ineficacia administrativa. Acabaremos comprando materiais de construción coa receita do arquitecto?
A estrada que pasa por alí
Chantada presumiu da paisaxe da ribeira, en concreto a de San Fiz, porque por esta pasa dende hai moitos anos unha importante vía de comunicación, a vella C-533 que unía A Gudiña con Lalín -aínda que ninguén fose expresamente da Gudiña a Lalín ou viceversa- hoxe convertida en LU-533. Nomenclaturas aparte, este lugar é o miradoiro perfecto para o viaxeiro, o Marco Incomparable, adxectivo gastado para vender ese cadro tantas veces ao forasteiro que sen poder parar pode disfrutar e coñecer un exemplo do que é a paisaxe do Miño na zona vitícola de Chantada. E a partir del facerse unha idea da paisaxe xeral da hoxe chamada Ribeira Sacra, coas muras nas montañas, e nesta zona en concreto as adegas tradicionais co tellado a unha auga coa mesma inclinación que leva a ladeira.
A cousa cambiou dende hai uns anos, de xeito que podemos pasar desa paisaxe caracterizada por unha harmonía a un escenario salpicado de lousa onde nunca a houbo, casas chalé de dúas plantas e formas variadas, balcóns sen sentido porque están xa nun balcón natural, enormes bloques de granito coa marca das barrenas da canteira, tellados a dúas tres ou catro augas, ou dunha pero en sentido contrario a montaña, naves industriais, unha caseta das obras de cor azul convertida en adega... toda unha homenaxe ao alleo no lugar onde o senlleiro berra sen ser ouvido.
Traballar a ribeira non é doado, sabémolo ben todos. Hai que ir ao práctico e temos que entender que para facer un caseto para gardar a ferramenta hoxe en día faise máis doado e económico de bloques ou ladrillo que de pedra da ribeira, non queda ben pero quen o fai se cadra non ten diñeiro para facer algo máis a xeito. Aínda así non é este o problema principal. Hai construcións adicadas a ocio nas que non se escatima en materiais e tamaños, e aquí si que o tamaño importa.
Non se debería esquecer o valor natural e paisaxístico, non se pode vender turismo por un lado e pechar os ollos á escavadora ao mesmo tempo. Un produto, neste caso o viño, saído dunha paisaxe de gran valor natural, debe seguir presumindo diso. A ribeira non é para iluminala de noite, que as cepas medran igual. Os espazos naturais son iso. E se non, aí están estas dúas fotos que revelan o cambio da paisaxe coa que fachendaba Chantada no ano 1973 deste Marco Incomparable.