Jesús Alfonso Parada, escritor e pintor: «A serra do Courel sempre está presente en todas as cousas que escribo que e pinto»

FOLGOSO DO COUREL

Jesús Alfonso Parada Jato na presentación de dous libros de poemas na librería Pelayo de Monforte
Jesús Alfonso Parada Jato na presentación de dous libros de poemas na librería Pelayo de Monforte CARLOS RUEDA

Parada expón pinturas de paisaxes no Ateneo Casino de Monforte e prepara a reedición dun libro aparecido no 2007

16 ene 2023 . Actualizado a las 17:22 h.

Jesús Alfonso Parada Jato (Meiraos, Folgoso do Courel, 1967), conta cunha ampla traxectoria como escritor. Desde o 2007 publicou tres ensaios sobre a serra do Courel e trece libros do poesía. As máis recentes destas obras —o ensaio Os aires de Meiraos e os poemarios Stella matutina e Entre o luceiro e a noite— foron editados no 2022. Pero Parada tamén cultiva a pintura e ten actualmente aberta no Ateneo Casino de Monforte unha exposición titulada Paisaxes do Caurel, que poderá verse ata o día 31. «Caurel con a, non con o, simplemente porque me gusta máis escribilo así», explica.

—Que tipo de traballos presenta nesta exposición?

—Por unha parte hai quince cadros sobre lenzo e por outra, 31 petropictos ou pinturas sobre pedra. As pedras son un soporte que me interesa moito, porque para min teñen un carácter máxico e espiritual. Para pintar utilizo pedras de diferentes tipos: lousas, xistos, pedras calcarias, pedras de río... Os petropictos que se mostran na exposición non están á venda, pero os cadros sobre lenzo si. Non me gusta vender ningún dos meus traballos artísticos, aínda que teño regalado moitos. Se poño os cadros en venda é sobre todo porque xa non me queda sitio na casa para gardalos.

—Que relación hai entre as súas pinturas e as súas obras literarias?

—Hai unha relación estreita, por un lado porque algúns dos meus libros de poesía levan ilustracións feitas por min. E por outro lado, porque a serra do Courel sempre está presente nas cousas que escribo e que pinto. Son dúas maneiras de expresar sentimentos e emocións e o que me inspira para escribir e pintar son as cousas que hai arredor de min. Só poido escribir sobre as cousas que coñezo ben. Ademais das paisaxes, tamén pretendo tamén reflectir dalgunha maneira o mundo tradicional da serra do Courel, que se está perdendo.

—Os seus últimos libros de poemas tamén teñen un vínculo directo co Courel?

—Si, como todo o que escribo. No poemario Stella matutina falo dunha antiga ruta a Santiago que atravesa a serra pasando por Visuña e Meiraos. O último libro de poemas que publiquei, Entre o luceiro e a noite, alude ao momento do entardecer no que aparece o primeiro luceiro no ceo, cando os labregos da serra que traballaban na cava do pan deixaban as ferramentas. Era o intre de parar de traballar e de reflectir sobre todo o que se fixo durante o día. Na miña poesía quero recoller eses momentos e vivencias propios do mundo tradicional.

—Despois dos últimos libros que publicou no 2022, ten algún novo proxecto literario para este ano?

—O que teño previsto para os próximos meses é reeditar o meu libro Usos, costumes e cousas do Courel, que se publicou por primeira vez no 2007. Hoxe xa é difícil de encontrar e téñenme pedido moitas veces que o volva publicar. O libro está ilustrado con moitas fotografías que na primeira edición apareceron exclusivamente en branco e negro, pero na segunda edición polo menos aparecerá en cores unha parte delas. O título tamén cambiará un pouco, porque desta vez o nome da serra do Courel aparecerá escrito como Caurel.