«Do imposible ao posible», dous días para analizar vías de desenvolvemento para O Courel

La Voz MONFORTE / LA VOZ

FOLGOSO DO COUREL

Unha explotación apícola nas montañas do Courel
Unha explotación apícola nas montañas do Courel ALBERTO LOPEZ

Unas xornadas amosarán en Seoane proxectos de éxito

06 sep 2023 . Actualizado a las 16:29 h.

Seoane do Courel acollerá este mes unhas xornadas de desenvolvemento rural que levan como lema «Do posible ao imposible». Organizada pola Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel co apoio da Deputación de Lugo, esta iniciativa pretende fomentar o emprendemento e a innovación en territorios de montaña como o do municipio de Folgoso do Courel.

A Estación Científica de Seoane do Courel será o escenario dos días 23 e 24 de setembro destas primeiras Xornadas de Desenvolvemento Rural do Imposible ao Posible. A proposta forma parte das actividades organizadas pola Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel con motivo do seu 25 aniversario e conta co financiamento da área de Medio Rural da Deputación de Lugo.

O obxectivo das xornadas é ofrecer recursos, experiencias e coñecementos a persoas interesadas en desenvolver iniciativas produtivas e vitais nos territorios de montaña, así como promover a creación de redes entre eles.

Para iso, o programa inclúe palestras e mesas redondas nas que se exporán casos de éxito de proxectos profesionais e vitais asentados no rural, iniciativas comunitarias que xestionan os recursos locais de forma sostible, proxectos de produción e transformación agroalimentaria, experiencias de turismo responsable e dinamización local, así como as diferentes estratexias de desenvolvemento territorial impulsadas polos Grupos de Desenvolvemento Local da contorna da Serra do Courel.

Ademais, haberá espazos para a convivencia, o debate e a participación activa dos asistentes, así como dinámicas lúdicas e creativas que tentarán estimular a innovación social.

Un dos momentos máis destacados das xornadas será a estrea do documental Doe o Courel (o sábado 23 ás 18:00 horas), un filme dirixido polo artista multidisciplinar Xacobe Meléndez Fassbender que narra as vivencias e percepcións dos veciños do Courel tras a vaga de lumes acontecida en xullo de 2022.

Gratuíto, pero con inscrición

A inscrición nas xornadas é gratuíta e pode realizarse a través do correo xornadascourel@gmail.com ou no teléfono 622834164. Toda a información sobre o programa pode consultarse na web da Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel.