Todo está listo para que mañá se celebren os actos de apertura oficial da programación especial organizada para divulgar a obra deste escritor monfortino
10 abr 2015 . Actualizado a las 14:17 h.O Concello de Monforte celebrará mañá o acto de apertura do Ano Lois Pereiro, a programación especial organizada polo Concello para divulgar a obra do autor de "Poesía última de amor e enfermidade". O acto de hoxe servirá para darlle á Casa da cultura o nome deste poeta monfortino. De feito, a fachada da Casa da Cultura loce desde esta mañá o rótulo coa súa nova denominación.
O acto de nomeamento da Casa da Cultura de Monforte como Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro empezará mañá ás doce do mediodía, coa lectura da acta do pleno da corporación local monfortina que recolle esa decisión. Quince minutos máis tarde abrirá a Biblioteca Pública Municipal para facer os primeiros selados de libros con impresións especiais que levan a imaxe deste autor, finado en 1996. Ás doce e media empezará no salón de actos da Casa da Cultura un acto aberto ao público no que leerán textos de Pereiro integrantes da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), como o seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias, Manuel Rivas, Xurxo Souto, Rosalía Fernández Rial, o monfortino Antón Lopo, Mercedes Queixas, Mario Regueira ou Iago Martínez. Entre unhas lecturas e outras o músico monfortino Gonzalo Herrero interpretará algunhas cancións curtas. A concellería de Cultura repartirá entre os asistentes ao acto pins con estrofas de poemas de Lois Pereiro
A apertura oficial do Ano Lois Pereiro rematará ás nove da noite cun concerto na praza de España dos grupos Vera Lynn e Os Tres Trebóns.