![Algúns dos adhesivos que se distribuirán nos servizos de pediatría dos ambulatorios do sur lucense](https://img.lavdg.com/sc/oISLN-sxtGj85FxOG2qZcEAAYRs=/480x/2022/10/05/00121664986322170536555/Foto/M05O2011.jpg)
Presentan en Monforte unha campaña da Mesa pola Normalización Lingüística na que se repartirán nos ambulatorios do sur lucense adhesivos creados por ilustradores locais
06 oct 2022 . Actualizado a las 16:25 h.O Centro do Viño da Ribeira Sacra —en Monforte— acollerá este venres a presentación pública dunha campaña coa que a Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) pretente promover o uso do galego nos servizos de pediatría do sur lucense. A idea partiu da delegación local da MNL neste territorio despois de que algúns dos membros desta organización —segundo explican os responsables—, «falando como pais», comentasen entre eles o feito de que «os pediatras entregábanlles aos seus fillos e fillas uns adhesivos con mensaxes de ánimo ao rematar a consulta, pero claro, sempre en castelán». A partir de aí, engaden, tiveron a idea de que «se tivesen a opción de ter autocolantes en galego en pediatría, poderían agasallar á cativada con creacións orixinais na nosa lingua».
Tomando esta idea como base, os membros da entidade fixeron unha posta en común «para buscar frases galegas que fosen o máis populares posible e con mensaxes adaptables a un público infantil». Despois de seleccionar as frases, Xosé Manuel Fernández —responsable local da MNL— contactou con varios deseñadores residentes nas comarcas do sur lucense, que aceptaron colaborar desinteresadamente na campaña realizando debuxos para ilustrar as frases impresas nos adhesivos.
Quince deseños
En total editáronse quince deseños diferentes con frases como «Forte coma un buxo», «Dura coma un croio», «Son supervalente», «San coma un carballo», «Xa estou para outra», «Coma unha campioa», «Son ben afouta» ou «7 folgos coma os gatos». Os autores das ilustracións son Noelia Rodríguez Fierro, Manuel García Losada, Elena Patiño, Belén Maseda, Humberto Loureiro, Borja Doel, Cristina Ouro, Estefanía Padullés, Daniel García, Iria Iglesias, Sonia Álvarez Carnero e Xosé Manuel Fernández. Despois da presentación da campaña, a MNL comezará a repartir estes adhesivos nos servizos de pediatría dos ambulatorios das comarca de Lemos, Chantada e Quiroga, así como en Sarria, xa que un dos deseñadores vive neste municipio.
O acto de presentación da campaña comezará ás 20.00 horas e contará coa presenza do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira. Segundo explica Fernández, aos responsables da MNL «pareceulles moi boa esta idea», polo que se estudará a posibilidade de estender a iniciativa ao resto de Galicia.