Unha mostra exhibe en Pontevedra parte dos fondos dunha das maiores coleccións privadas de Castelao

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

TABOADA

Exposición sobre Castelao con fondos de Roberto Taboada
Exposición sobre Castelao con fondos de Roberto Taboada CAPOTILLO

Roberto Taboada seleccionou fondos que se amosan no edificio da Xunta de Campolongo

04 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Colección Roberto Taboada está considerada como unha das máis importantes coleccións privadas centradas na figura de Castelao. O exparlamentario atesoura miles de fondos entre fotografías, primeiras edicións dalgunhas das súas obras, documentos do exilio, telegramas, revistas, periódicos... E son estes fondos o xerme de Castelao, a exposición que onte se inaugurou no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo, Pontevedra, acto ao que asistiu o propio Roberto Taboada ou o deputado provincial Jorge Cubela.

Tal e como referiu o propio Roberto Taboada, para confeccionar esta mostra «seleccionáronse reproducións e ilustracións de viñetas que Castelao esparexeu por diferentes periódicos e cabeceiras tales como: El Sol, A Nosa Terra, Galeuzca, Vida Gallega...». De igual modo, pódense contemplar na sala de exposicións cubertas de obras literarias firmadas por Ramón Cabanillas, Wenceslao Fernández Flórez ou Gerardo Álvarez Limeses, entre outros autores, que tamén saíron da colección do exparlamentario pontevedrés sobre o político, artista e ensaísta de Rianxo.

A serea de Castelao

Pero a exposición tamén vai máis alá destes documentos ao exhibir, a modo de exemplo, as pranchas que se empregaron para algúns dos gravados máis icónicos de Castelao, como pode ser o da súa serea co lema «Denantes mortos que escravos» ou  centrados na propia Colección Roberto Taboada.

CAPOTILLO

No hai que esquecer que, entre os fondos do pontevedrés non expostos, está o Álbum Nós, publicado en 1931, que no caso da edición de Taboada ten a particularidade de amosar unha serie de debuxos nas marxes, pero tamén a totalidade das 72 pranchas para as imaxes de Cincoenta homes por dez reás, obra que publicou o xornal Diario de Galicia entre 1924 e 1925 e que sería reeditada na Arxentina como 50 hombres por dos pesos, da que o propio Roberto Taboada conserva unha primeira edición.

A mostra Castelao poderase visitar ata o vindeiro 29 de maio en horario de luns a venres de 8.30 a 14 horas.