Roberto Taboada atesoura en Pontevedra unha das máis importantes coleccións privadas en torno a figura de Castelao
PONTEVEDRA
O expolítico socialista desexa que algunha institución xestione os seus fondos
03 may 2024 . Actualizado a las 10:39 h.Adentrarse na Colección Roberto Taboada é adentrarse na intimidade dun galego universal e descubrir que, más alá do político, do galeguista, do artista, pulsaba un home que, por enriba de todo, amou a Galicia. Ao longo das últimas catro décadas, case que toda a súa vida, o pontevedrés Roberto Taboada, que onte cumpriu os 69 anos, completou unha das máis importantes coleccións privadas en torno á figura de Castelao atesourando miles de fondos entre fotografías, primeiras edicións dalgunhas das súas obras, documentos do exilio, telegramas, revistas, periódicos...
Algúns deles o que fora portavoz do PSOE no Concello de Pontevedra xa os deu a coñecer coa recente publicación de Castelao alén do mar, obra que contén textos de Lino J. Pazos, pero a maioría permanecen almacenados na súa casa. Xestionar toda esta inxente compilación é complicado, polo que considera que o idóneo é que algunha Administración se fixese cargo da mesma con vistas a que puidera ser exposta en condicións e accesible para toda a cidadanía. Recoñece que foron varias xa as persoas que, en nome de institucións, se interesaron pola Colección Roberto Taboada, pero, finalmente e como se soe dicir, as palabras fóronse co vento.
E mentres explica todo isto, mostra verdadeiras xoias, como a totalidade das 72 pranchas das imaxes que compoñen Cincoenta homes por dez reás que publicou o xornal Diario de Galicia entre 1924 e 1925 —esta obra volveríase a publicar en Arxentina como 50 hombres por dos pesos, da que o propio Taboada conserva unha primeira edición—. Ao seu carón un exemplar de Nova Galiza de 1937 no que Castelao laiase do asasinato de Alexandre Bóveda ou telegramas que o galeguista escribiu dende o Hotel Modern de París, pero tamén infinidade de fotos, como unha datada en xullo de 1911 dedicada a Lolita Mosquera e que foi tomada na localidade de Caldas de Reis.
Especial, moi especial, tamén é o Álbum Nós, publicado en 1931, que no caso do que garda Taboada ten a particularidade de ter unha serie de debuxos nas marxes. Por non falar dos libros, de temática infantil e xuvenil, que ilustrou para a colección Biblioteca Billiken da editorial Atlántida» que impulsaron os «exiliados galegos dentro do proxecto cultural que desenvolveron en Bos Aires», recordaba Lino J. Pazos en Castelao alén do mar.