Palas terá unha escola municipal de teatro logo do convenio asinado entre o Concello e o grupo Metátese

La Voz

LUGO

20 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O Concello de Palas de Rei e a compañía Metátese Teatro asinaron onte un convenio de colaboración co fin de fomentar o desenvolvemento da actividade teatral neste municipio ulloano. Un dos puntos destacados deste acordo é a creación dunha escola municipal de teatro en Palas. A sinatura deste convenio tivo lugar despois da presentación da novena edición da Mostra internacional de teatro amador de Palas de Rei, que se desenvolverá do 27 de agosto ao 7 de setembro.

A Aula de teatro municipal e a do CEIP de Palas serán as encargadas de abrir a mostra coa representación da obra O inverno na fraga . O día 28, Cedeuve Teatro, de Vilalba, porá en escena 6x4... dúas ducias . Ao día seguinte o público poderá ver a obra A miña muller e o fontaneiro , representada pola compañía Max Teatro, de Ferrol. O grupo cubano Máscara Laroye Teatro presentará o día 30 La gente no cambia... disimula ; mentres que o 31 será o grupo de teatro da asociación de amas de casa de San Tirso de Palas de Rei o que poña en escena Los pintores no tienen remiendos .

A segunda semana da mostra comezará o 3 de setembro coa obra Paraíso laranxa , de Metátese infantil. Na seguinte xornada a Aula de teatro do CPI de Touro presentará Fábula . As representacións continuarán con Folerpas , a cargo da Escola municipal de teatro de Laxe. Para terminar, o día 6 Metátese Teatro porá en escena Soño de verán , e por último, Alejandro Pantani de Madrid representará a obra Dime con quién andas y te diré cómo actúas .

Premios Mácara e Careón

Durante esta novena edición da mostra, o actor e director Lino Braxe recibirá o premio teatral Mácara; mentres que á escritora Inma López Silva faráselle entrega do premio literario Careón.