Música e poesía para Lois Pereiro

La Voz

LUGO

Bretoña e Meira celebran actos en homenaxe ao autor monfortino

13 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

?A medida que se achega o Día das Letras Galegas vanse sucedendo os actos en lembranza do autor homenaxeado este ano: o monfortino Lois Pereiro. Sen ir máis lonxe, esta mesma noite terá lugar no teleclub de Bretoña, no concello da Pastoriza, un concerto recital tributo a Pereiro, no que soarán temas musicais que a el lle gustaba escoitar e poemas da súa autoría.

Para empezar haberá un concerto do grupo Ondas Martenot, que forman Antón Papaqueixos, Leo i Arremecaghona, Fran Amil (dos Papaqueixos e Os tres trebóns), e Cristina (de O Sonoro Maxín) e que tocará versións de cancións de Lou Reed, Parálisis Permanente, Radio Océano ou The Doors, grupos que estaban entre os preferidos do poeta monfortino.

Ademais, persoas do mundo cultural, literario e musical galegos, como Xurxo Souto, García (de Dios Ke Te Crew), Richi (dos Rastreros), Xermán (dos Escornabois) e o poeta Xabier Cordal ofrecerán un recital.

Nesta homenaxe a Pereiro, coma en case todos os actos que se lle dedican por Galicia adiante, tamén se dará lectura ao manifesto loisista.

A organización deste acto corre a cargo dunha serie de asociacións da zona, entre elas Eme de Meira, que tamén é a responsable das actividades previstas para mañá na Casa da Cultura deste concello. Ás seis e media Baobab Teatro presentará Contos para un caldiño, dirixida ao público infantil, que ademais de deleitarse cun caldo feito a base das máis variadas historias, recibirá como agasallo un conto en galego.

Sen cambiar de escenario, pero pensada para xente de todas as idades, ás oito e media terá lugar unha sesión de regueifa, protagonizada por dous artistas na materia como son Luis Caruncho e Benito Lobariñas. Co seu enxeño, improvisación e sentido do ritmo, seguro que estes dous regueifeiros lle farán pasar aos asistentes un momento moi agradable coas súas coplas improvisada e a súa retranca.

Teleclub Bretoña e Casa Cultura de Meira

Días: Hoxe e mañá

Horario: 22.00 (hoxe), 18.30 e 20.30 (mañá)

Entradas: Asistencia libre