Visita do conselleiro de Medio Rural a Torre de Núñez

La Voz

LUGO

Acudiu tamén a unha granxa avícola en Láncara e destacou que Galicia lidera a producción porcina e avícola en España

07 ene 2019 . Actualizado a las 19:03 h.

Galicia ocupa unha posición de liderado dentro de España no que atinxe á produción de carne nos sectores porcino e avícola. Así o destacou este luns o conselleiro do Medio Rural, José González, na súa visita a unha explotación de aves e ás novas instalacións da empresa Torre de Núñez, ambas na provincia de Lugo. O conselleiro, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, salientou que a nosa comunidade é líder indiscutible no eido porcino, xa que reúne, con 28.000 granxas, o 32% do total de explotacións de porcos de España, cunha cabana que supera o millón de cabezas. Ademais, Galicia é a segunda autonomía, tras Cataluña, en número de explotacións avícolas, xa que dispoñemos de 860 granxas, que representan algo máis do 15% do total das existentes en España.

A produción galega neste sector acada case as 200.000 toneladas anuais de carne, un 13% do total nacional. José González achegouse en primeiro lugar ata a explotación Ganadería Rivas Gómez SC, situada en Láncara e que vén de iniciar a súa actividade. Esta granxa ten capacidade para case 34.000 polos e contou con axudas de Medio Rural por importe de 214.000 euros para un plan de mellora e para a incorporación dunha persoa moza. Precisamente, o conselleiro destacou que este eido (o da remuda xeracional) é unha das grandes apostas da Xunta de cara a mellorar a competitividade das nosas explotacións e crear emprego no rural, co fin de fomentar a actividade económica rendible no rural.

Logo, o titular de Medio Rural coñeceu as novas instalacións de Torre de Núñez no concello lugués do Corgo. Alí destacou que, ao abeiro das subvencións para o fomento da transformación de produtos agroalimentarios, a empresa recibiu nos últimos anos preto de 1,8 millóns de euros para implantar unha liña de embutidos loncheados e facer unha nave adosada ao secadoiro de xamóns para curar.

Nesta liña, José González lembrou a aposta que fai o Goberno galego polo fomento da transformación dos produtos agroalimentarios, un eido no que en 2018 se investiron máis de 30 millóns de euros para a posta en marcha de case 100 proxectos. Deles, máis de 4,5 millóns foron para o sector cárnico.