Catro novas mámoas con dolmen en Outeiro de Rei

María Guntín
María Guntín OUTEIRO DE REI / LA VOZ

LUGO

Integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentaron os achados

30 jul 2019 . Actualizado a las 20:52 h.

Os integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares, Brais Rodríguez Romero e Xabier Moure documentaron catro novas mámoas con dolmen no Concello de Outeiro de Rei.

A primeira foi no Cordal de Acevedo, en Pascuais, na parroquia de Parada, e atópase a 450 metros de altitude. Localizouse grazas á limpeza da maleza que se realizou baixo o tendido eléctrico. As súas medidas son de 16 metros de diámetro e un de altura. Presenta cono de violación do que sobresaen varios esteos graníticos da cámara funeraria. Ata agora, estaba sen catalogar e, fai anos e segundo algunhas referencias, nese mesmo lugar apareceron fragmentos dun vaso cerámico de orde revirado ou de longo bordo horizontal descuberto a principos dos 90.

Documentáronse outros tres túmulos entre os montes do Pico das Mallas e As Corredoiras, na parroquia de Aspai, a 520 metros de altitude. O primeiro enterramento ten 21 metros de diámetro e dous de altura. Semienterrado atópase o que podería ser un idoliño. A segunda mámoa está a 40 metros da anterior, ten un diámetro de 20 metros e dous de altura. A terceira está no medio dun piñeiral e ten 20 metros de diámetro e 1,20 de altura. 

180 mámoas en Outeiro durante o Neolítico

No Neolítico, en Outeiro había unhas 180 mámoas, moitas con dólmenes no interior. A maioría estaban abandonadas, incluido o túmulo 1 do Cordal de Acevedo, o único catalogado como Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia. O Colectivo Patrimonio dos Ancares ten constancia de que polo menos 50 mámoas foron destruídas e, nos últimos tres anos, levan documentados unha vintena de enterramentos en Outeirto. A súa antigüidade ronda os 6.000 anos. 

Nas inmediacións das últimas mámoas, os membros de Patrimonio dos Ancares tamén descubriron unha pena con petroglifos. Son sete cazoletas que forman un semicírculo e, no seu interior, foi gravada outra caszoleta de maior tamaño. Con estes, son oito os petroglifos documentados en Outeiro de Rei. 

Os achados foron comunicados a Patrimonio para que procedan á súa catalogación e protección.