A directora Paloma Lugilde explica como «Poeta en Nova York», a primeira montaxe en galego do teatro de Lorca, terá que revisar a súa escenografía
19 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Poeta en Nova York, a primeira montaxe en galego do teatro de Federico García Lorca, estreouse o 29 de xaneiro no Auditorio Gustavo Freire. A esa singularidade, a directora Paloma Lugilde sumoulle outra sen imaxinar que a faría especialmente incompatible coa normativa sanitaria actual: o público forma parte da escena e rodea aos actores. O seu caso é paradigmático da reactivación do teatro, sumido nunha tarefa de adaptación trala pandemia, nun momento clave de reordenación dos espazos abertos.
—Que supuxo a interrupción da peza unha vez estreada?
—As obras crecen coa xira. Unha obra quere xirar, nace para iso, tanto para os actores, os técnicos, a dirección, a dramaturxia, incluso para o traballo de revisión lingüística de Rosa Moledo, todo iso foi un traballo grande que se fixo e que comezou fai ano e medio. Parar supuxo que se nos cortou a residencia no Centro Dramático Galego, que ían a ser cinco días en marzo. Tamén se interromperon os pases para institutos, con coloquios e actividades complementarias. Os técnicos do Centro Dramático Galego ían implantar unha estrutura para poder dar cabida a máis xente. Na nosa obra caben 120 persoas en normalidade porque están con nós no escenario, de 360 graos. E agora, con todo o que hai que facer, recibo chamadas de concellos interesados na obra, pero temos que revisar a escenografía, ver se podemos manter os 360 graos, algo que para nós era fundamental. En setembro haberá que facer ensaios, pero non desde cero, porque todos seguimos traballando nela.
—A disposición do público é determinante na montaxe teatral de Poeta en Nova York, como a adaptarán ás restriccións?
—É moi complicado. Estamos intentando vender a obra en sitios abertos e en prazas con boa acústica. Con todas as limitacións, agradecemos moito a acollida dalgúns programadores, pero si que temos este problema cos 360 graos da obra. Xa é complicado de por si porque a xente ten un pouquiño de medo a esta disposición, pero con isto se nos complicou un pouco máis. Pensamos en abrir a escenografía dalgunha maneira.
—Cre que a revisión dos usos do espazo público a raíz da pandemia pode ser unha oportunidade para que o teatro gañe espazo?
—Sería marabilloso que fora unha recuperación de espazos naturais e aquí en Lugo temos moitos. Tamén de naves amplas porque, por exemplo Poeta en Nova York nola imaxinabamos nunha nave abandonada. Pódense abrir vías. Temos outros montaxes que chegamos a facer dentro dun río, ou sexa, que hai obras que se afán máis ao espazo. No caso desta obra é o que intentamos facer ver aos programadores. Como nós levamos xa as cadeiras aos sitios onde se ten que sentar a xente, as estruturas... Podemos facer un teatro, como o espírito de La Barraca, de Lorca.
—Pensa que a mensaxe anticapitalista de Lorca nesta obra pode sentirse dunha maneira distinta agora que en xaneiro?
—Cando estudas esta poesía no bacharelato, a das como parte do surrealismo, pero despois daste conta de que existen outras teorías sobre a súa obra: os círculos, o duelo, a morte, o sistema capitalista, o trato ós negros... Xa nos parecera dunha inmensa actualidade, pero agora, ao volver a lela, está tan de actualidade! Comentáballe aos meus actores ao principio da pandemia ‘repasade os textos, se podedes’, pero co pesimista que é ás veces, pensaba, mellor non. Pero tres semanas despois dixen si, si, si, porque dáche alento. El resulta totalmente actual porque o malo é que os problemas estaban xa daquela e seguimos nas mesmas.