Un cartel de Siro sobre María Casares anuncia a Semana de Cine de Lugo, do 19 ao 24 de setembro
LUGO
Fonmiñá renderá unha homenaxe a Darío Xohán Cabana e a Margarita Ledo
27 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Nos vindeiros días comezará a difundirse o cartel anunciador da 44 Semana de Cine de Lugo, que organiza Fonmiñá co apoio da Deputación, Concello, Xunta e USC, e que se celebrará do 19 ao 24 de setembro.
O cartel é unha colaboración de Siro coa Semana cunha caricatura de María Casares, no seu centenario, coa lenda «María Casares vive desde hai cen anos. Viva María Casares!». Precisamente, por esta efeméride, a Semana de Cine honrará a María Casares cunha retrospectiva e exposición na Biblioteca Provincial, e a colocación dunha placa coa caricatura de Siro no Paseo do Cine de Lugo.
Homenaxearase á cineasta, escritora e profesora de Castro de Rei, Margarita Ledo Andión, coa proxección da súa película Nación na sala da Deputación, e a colocación dunha placa no Paseo do cine. Outras homenaxes serán rendidas a Darío Xoán Cabana (coa proxección da película A Mariñeira); a José Luis López Vázquez polo seu centenario, coa proxección de El bosque del lobo (rodada en Lugo); a Ucraína (coa película El Acorazado Potenkim, no ciclo «E para comer, Lugo…», coa estrea da película Un bocado exquisito. .
Na sala da Deputación será proxectado o ciclo de películas documentais a concurso; na Casa do Saber poderanse ver as películas a concurso das curtametraxes e das curtas galegas; no Vello Cárcere programarase o ciclo a concurso de cine galego; e no Gustavo Freire proxectaranse as películas a concurso da Sección Oficial e do ciclo de cine español inédito, así como a sección infantil. Tamén haberá ciclos na sede de Aspnais, e nos centros penitenciarios de Teixeiro, Bonxe e Monterroso. En total serán 115 os filmes, entre curtas e longametraxes, que se poderán ver na Semana de Cine.