De vivir en Lugo da artesanía a traballar nunha residencia de maiores: «Eu sempre serei artesá»

María Guntín
María Guntín LUGO / LA VOZ

LUGO

Marta Seco cunha prenda elaborada por ela mesma
Marta Seco cunha prenda elaborada por ela mesma

Marta Seco aprendeu e compartiu saberes con moitos artesás de Galicia e do mundo, tivo o seu taller na Terra Chá e agora mudouse a Mondariz xa que viu que o seu proxecto non era viable

24 mar 2023 . Actualizado a las 17:12 h.

Marta Seco é da Terra Chá (Lugo) e dende que ten uso da razón sinte paixón pola reciclaxe e pola restauración de mobles. Fíxose artesá, dedicouse a tempo completo ao oficio de fiandeira e tivo que dar un xiro á súa vida. Agora traballa nunha residencia de maiores na Cañiza e vive en Mondariz.

«No meu tempo libre fago prendas para min, teño algunhas en stock, tamén fago encargos personalizados e sigo facendo pendentes de la de ovella, ademais de produtos máis pequenos». Para lograr que o produto final non se encareza moito, a artesá lucense ten que recorrer ao fío industrial; iso si, de la de ovella merina 100 %.

Os antecedentes: unha soñadora que estudou Socioloxía

Cando Marta foi á universidade e rematou o Grao en Socioloxía, a súa mente soñadora pediulle vivir fóra do capitalismo e sacarlle partido a esa vea súa que loitaba por un mundo máis sostible e natural.

A lucense tiña claro que quería ser artesá. Traballar de maneira independente. Ser a súa propia xefa. Ser autosuficiente. Tíñao tan claro que decidiu poñerse en contacto co artesá que tiña máis preto.

«Falei con Tito Ledo da Casa da Fraga, en Xermade, para formarme e poder obter a carta de artesá», explica Seco. Entón, a ilusión mesturouse con outras sensacións: «Abriume os ollos e entendín que ser o que eu quería implicaba moita inversión de ferramentas», explica.

«Dunha fibra á que tratabamos como residuo descubrín que se poden facer moitas cousas creativas e funcionais»

De cestas feitas con papel de xornal a broches ou pendentes de la

Por aquel entón, a Marta que acababa de rematar a universidade —hoxe ten 36 anos— facía outras cousas de reciclaxe. Cestas con papel de xornal, broches e pendentes de la de ovella afieltrada... Todo aprendido, nesta ocasión, de Lourdes Acera, unha artista vasca afincada nas Pontes. Grazas a ela, Marta pasou a formar parte da Asociación de artesáns do Eume e coñeceu a Fina Casal, de San Sadurniño.

E así, contacto tras contacto, aprendeu o oficio de fiandeira. «Eu nunca vira facer iso, non sabía se sería capaz de aprender e fun á súa casa durante un inverno enteiro. Dunha fibra á que tratabamos como residuo descubrín que se poden facer moitas cousas creativas e funcionais, utilizando ademais poucas ferramentas e as mans. É un traballo ancestral marabilloso», conta Marta.

Pero a esta lucense nunca lle deixaron de medrar as ideas. Por iso empezou a sentir curiosidade polos tinguidos naturais. Nisto converteuse en autodidacta e decidiu experimentar ela soa para despois facer un curso con Anna Champeney, «unha inglesa que ata hai uns anos viviu cun cesteiro catalán na Ribeira Sacra».

Aprender e compartir

Pouco a pouco, aprendendo e compartindo saberes, Marta pasou por incontables feiras e cursos. Por un tempo, dedicouse a tempo completo á artesanía e vivía nunha antiga casa do rural de Pol. Asentou o seu taller, impartiu cursos, facía encargos, ía polas feiras de artesanía e ata levaba la de ovellas galegas a Astorga, tal e como se facía antes. De aí volvía co fío.

Entón, o proceso era o seguinte: «Novelábaa e tinguíaa con tinguidos naturais. A verdade é que tiña moita aceptación». Sen embargo, isto requiría de moito esforzo físico, ademais de gastos de auga e leña que fixeron que o proxecto persoal e profesional de Marta non puidese ser viable. «Foi un proxecto bonito que eu non souben abarcar porque non tiña medios para manexar grandes cantidades», relata a artesá.

A la que se tira ano tras ano

O soño de Marta segue intacto, e foron varias as veces que intentou levar la de ovella a Portugal para conseguir fío e darlle unha nova vida a la de ovella que ano tras ano acaba no lixo. Polo momento, non deu os seus froitos.

Marta tamén fai pendentes de la de ovella
Marta tamén fai pendentes de la de ovella

A carta de artesá si, pero non a de fiandeira «como tal»

Marta Seco ten a carta de artesá, pero quere resaltar que hai oficios tradicionais como é o de fiandeira non recoñecidos, polo que ela ten a carta de artesá de gancho (crochet) e complementos de moda. «A razón é que o fío en si non é un produto final», explica. «O oficio de fiandeira está moi arraigado na nosa cultura, orixe e folclore e é digno de ser recoñecido», sentencia.