Manuel Vázquez, escritor e celador en Lugo: «O 90 % dos celadores do HULA falan galego»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Manuel Vázquez, na presentación que fixo da súa obra en La Ferretería
Manuel Vázquez, na presentación que fixo da súa obra en La Ferretería ALBERTO LÓPEZ

O autor lucense presenta a súa primeira novela, «O pracer da chuvia», unha defensa do rural galego e da súa herdanza cultural

02 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre as páxinas de O pracer da chuvia (Editorial Medulia, 2023), o lector mergúllase na esencia de Galicia, viaxando do pasado ao presente, do rural ao urbano, entre personaxes anónimos, pero con nome propio, que entretecen a historia recente. Manuel Vázquez, natural da aldea de O Albar, en Valonga (Pol), traballa como celador de urxencias no HULA e ofrece nesta obra unha defensa do rural galego e da súa herdanza cultural. Esta é a súa primeira novela publicada; porén, o seu contacto coa literatura comezou hai anos: ten publicado varios artigos en distintos xornais, poemas en obras colectivas e prologou o libro de relatos curtos Paseando canguros, de Xesús Trashorras, quen prologou, agora, O pracer da chuvia.

—Sobre que trata a obra?

—É unha novela que ten como trasfondo agradecer e defender o herdo cultural que recibín, a cultura labrega na que vivín desde neno. Ademais desa reivindicación, no libro tamén intento aportar ferramentas para afrontar o autoodio dos galegos.

—Por que decidiu dar o salto á literatura?

—A verdade é que sempre tiven dentro de min esa inquietude. Eu teño unha saudade pola Galicia que puido ser e non é e considero que o autoodio está moi inzado na sociedade actualmente, aínda que se manifesta de forma diferente a como o facía hai anos. Hoxe non é tan directo: por exemplo, os pais non lles din aos fillos que non falen galego porque é de xente ignorante ou de aldea, agora o que fan é non falarlles galego aos fillos. Este é un autoodio menos directo, pero segue existindo e estase producindo un retroceso moi importante da lingua galega a nivel social, laboral... O lado positivo é que tamén hai unha minoría cada vez máis comprometida e máis preparada.

«Somos algo Balbinos e aínda temos unha ferida dentro»

—Segue de actualidade a defensa da lingua e a cultura galegas.

—Si, e ademais o autoodio é un tema algo tabú porque unha sociedade democrática coma a nosa resístese a admitir que existe. Temos tamén un rural desnortado, poboado de eucaliptos... e iso tamén o reflicto na novela.

—En que se inspirou?

—Dicía Marguerite Yourcenar en Memorias de Adriano, que temos tres medios para avaliar a existencia humana: o estudo dun mesmo, a observación dos outros e os libros. E niso me baseo. Por exemplo, a través do fío autobiográfico intento mostrar a labregos que coñecín e que non responden ao clixé de atrasados.

—Fala de que é unha defensa do rural galego, pero a novela tamén é cosmopolita.

—Si, ademais de pobos galegos, tamén aparecen as cidades de Lugo, A Coruña, Lisboa, París ou Madrid. Estou convencido de que se non valoramos a nosa cultura propia non poderemos abrirnos a outras culturas. Eu mesmo fun un neno de aldea e agora son un adulto urbano, e a través da literatura podemos construír algo universal. Considero que se vas polo mundo como galego, non só iso non che impide abrirte a outras culturas, senón que contribúes a enriquecer esa diversidade cultural.

—Que tal está sendo a acollida da novela?

—Moi boa, foi toda unha sorpresa, leva un mes á venda e desde a editorial xa me dixeron que ían especialmente ben as vendas, polo que se están plantexando unha segunda edición. Creo que á boa acollida contribuíron os meus contactos das redes, que foron moi activos, a prensa e tamén a temática, porque somos algo Balbinos e aínda temos unha ferida dentro.

Público asistente á presentación da novela
Público asistente á presentación da novela ALBERTO LÓPEZ

—Como ve a situación do galego no seu traballo?

—Cando traballaba no hospital na Coruña, notaba que o galego era moi minoritario, pero no HULA arrasa, foi unha grata sorpresa para min. O 90 % dos celadores do HULA falan galego, e creo que é porque case todos temos un pasado ou un presente no rural. O galego domina entre os celadores e mesmo hai pacientes que empezan falando castelán e se acaban pasando ao galego.

—Seguirá escribindo novelas?

—Estou traballando nunha segunda novela, pero neste caso, en conxunto con Xesús Bermúdez Tellado. El foi o encargado de facer a revisión lingüística de O pracer da chuvia, unha labor que foi de gran importancia porque a lingua para min é un material moi sensible e quería que fose moi coidada.