O proxecto foi asinado este luns polos dous organismos, que esperan ter rematada a obra que creará un centro de divulgación da universidade para o 2025
31 jul 2023 . Actualizado a las 17:10 h.O edificio do antigo restaurante O Muíño, situado xunto ao caneiro de Aceña de Olga, en Lugo, será reformado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil e posteriormente cedido á Universidade de Santiago como centro de divulgación. Así o confirmou o presidente da Hidrográfica, José Antonio Quiroga, e o reitor da USC, Antonio López, quen acaban de formalizar o proxecto este mesmo luns coa firma do acordo que cede o edificio por 20 anos á Universidade.
O convenio de reforma terá unha inversión de 900.000 euros que, segundo o presidente da Confederación, consistirá «nunha cuberta e carpintería nova, na adecuación do primeiro andar e tamén na recuperación das catro bocas que hai do muíño porque queremos utilizar un par, unha para recrear a antiga función que tivo de moer e outra cun carácter de produción hidroeléctrica». Ademais, José Antonio Quiroga sinala a labor de eliminación do feísmo da contorna ao tratarse dun punto moi transitado.
Licitación a finais de ano
O presidente tamén destaca a colaboración entre ambas entidades, xa que se trata dun «elemento patrimonial de primeira magnitude ao borde do río» ao que se lle dará unha finalidade educativa. O proxecto será axustado e afinado por unha comisión de seguimento durante os próximos meses, co fin de licitar a obra para finais deste ano. Sen embargo, tal e como indica José Antonio Quiroga, o tempo das obras «dependerá do compromiso que teña a empresa nese momento», aínda que se espera que ano 2025 xa estea dispoñible para o seu uso.
Por outra banda, o reitor da USC, Antonio López, asegura que desde a Universidade «encherán» de contido a edificación. «O que pretendemos é traballar en conexión cos proxectos do Campus Terra, empregarémolo para divulgar, transferir o coñecemento e poñelo á disposición de todo o mundo», sinala o reitor. Trataranse cuestións de biodiversidade, hidroloxía e medio ambiente fluvial, pero tamén será empregado para outros proxectos que teñen que ver co medio natural e coas enerxías renovables.
O espazo será destinado para os equipos docentes e grupos de investigación do Campus Terra e da Universidade en xeral, pero o reitor Antonio López tamén considera que é un lugar que queren «achegar á cidadanía» e que axudará a «seguir completando o desenvolvemento desta zona fundamental para a cidade».