O tanatorio lucense Serfuja difunde máis de 2.000 exemplares da súa guía de prevención do suicidio
LUGO
O xerente, Jorge Balado, afirma que «a nosa sociedade parece ir dando pasos cara á desaparición de estigmas en relación coa saúde mental»
11 sep 2023 . Actualizado a las 14:14 h.A guía de prevención do suicidio promovida pola empresa funeraria lucense Serfuja rexistrou preto de 2.100 consultas dende a súa publicación hai menos de 10 meses. En concreto, dende o día 22 de novembro do 2022 (data na que se presentou o documento), foi descargada nun total de 1.089 ocasións, ao tempo que se esgotou o milleiro de exemplares en papel, distribuídos maioritariamente no tanatorio que o Grupo Serfuja ten nas Gándaras.
A xuízo de Jorge Balado, xerente da empresa, «que unha media de máis de sete persoas quixeran facerse cada día con este manual reflicte que existe unha preocupación polo impacto desta realidade e, tamén, que a nosa sociedade parece ir dando pasos cara á desaparición de estigmas en relación coa saúde mental, unha cuestión que resulta fundamental para atallar unhas taxas de suicidio inadmisibles coma as nosas».
Sacudir os prexuízos
Paralelamente, Balado quixo facer fincapé no papel da prevención para combater o impacto das mortes autolíticas. «Do mesmo xeito que nos preocupamos por ter unha boa hixiene dental ou por desenvolver unha certa actividade física para mitigar o risco de aparición de doenzas físicas, tamén é hora de que sacudamos os prexuízos sobre os suicidios», subliñou o xerente do grupo Serfuja.
Ademais, Balado quixo agradecer públicamente o recoñecemento que lle trasladaron a Serfuja distintas persoas integrantes dos Colexios Oficiais de Enfermeiros, Médicos e Veterinarios da provincia de Lugo. «As súas mensaxes a través das redes sociais, os seus correos electrónicos ou as súas chamadas para transmitirnos que lles parecera unha información útil son un verdadeiro estímulo para nós», asegurou, ao tempo que reiterou a súa gratitude «pola implicación e a colaboración tan activa» que amosaron dende o primeiro momento os presidentes destes tres colexios oficiais, a cuxos colectivos profesionais se dirixía prioritariamente este proxecto, así coma o voceiro nacional da plataforma Stop Suicidios, Román Reyes, e o sanitario lucense Héctor Castiñeira, máis coñecido polo seu alias nas redes sociais, «Enfermera Saturada».