O futuro do Campus Terra

LUGO

14 nov 2023 . Actualizado a las 18:13 h.

Non é unha boa nova sabermos que varias das titulacións universitarias impartidas en Lugo se atopan en situación comprometida. Cómpre, daquela, analizarmos polo miúdo as causas deste fenómeno e non resignarse, de xeito fatalista, a que, como ocorre coas infraestruturas, Lugo quede, unha vez máis, excluída das vantaxes do eixo atlántico.

Podemos comezar polo sistema de cómputo dos matriculados. Sen entrarmos a discutir a cifra esixida para manter unha titulación dun mínimo de 45 alumnos no primeiro ano de estudos, o que non se comprende é que ese cómputo restrinxa segundo o procedemento de acceso. Logo está o problema das reduplicacións, que, cando menos en enxeñería agrónoma e forestal, se produciu despois de que estivesen implantadas no campus lucense.

No canto de definirmos unha estratexia lóxica de distribución dos estudos no territorio galego, moito me temo que acabaremos na esgotadora batalla da competencia. Enxeñería agrónoma implantouse en Lugo nos anos 60 e trinta anos despois reduplicouse en Ourense. En 1990 instaurouse forestais na nosa cidade e só un bienio máis tarde en Pontevedra. Semella que non aprendemos da experiencia dos aeroportos: primeiro triplicámolos e logo acabamos empregando o de Porto para voarmos a mellor prezo. Fortalecermos un sistema universitario coherente e de calidade é unha aposta estratéxica para Galicia. E Lugo ten que defender a identidade e as titulacións que lle corresponden como Campus Terra. Non pode ser que a provincia con maior extensión e produción agrogandeira, co espazo forestal mellor conservado de Galicia (malia todas as desfeitas), vexa desaparecidas ou mermadas as titulacións de Paisaxe ou de Enxeñería agrónoma ou forestal. A universidade non é un centro comercial no que ir abrindo e pechando tendas a ver se funcionan. Moitas persoas aínda queremos pensar que é outra cousa.