Cada vez máis empresas lucenses apostan por oficinas virtuais. Por 12 euros, resolven a cuestión do alugueiro. A vida das cidades esmorece. Os baixos fican baleiros. Os negocios están a desaparecer das rúas… Mais, paradoxicamente, a medida que medra este problema, proliferan os eventos de todo tipo que, espallados pola nosa xeografía, permiten dotar de vida os barrios. Hai uns días foi a foliada da Fonsagrada; esta fin de semana o Mercadillo Quilate de antigüidades en Sarria e, en breve, teremos pequenos postos de Nadal aquí e acolá, pois este costume, tan arraigado en países como Alemaña, vaise estendendo cada vez máis na nosa terra.
As nosas cidades e vilas están cambiando e, ao mellor, mesmo o fenómeno de luces cada vez máis espectaculares ten que ver co noso desexo de deter esta sangría que as esgaza por dentro. Nada hai máis triste ca un barrio sen negocios, sen tendas de roupa, sen cafeterías, sen librarías, sen cine, sen comercio. Son rúas que non convidan a pasear e atoparse. Recluídos nas nosas casas e no noso mundo cada vez menos consistente, abonda un clic para adquirirmos o que os algoritmos xa saben que queremos. A loxística do transporte substitúe, en grande medida, a rede comercial das nosas vilas. Resulta significativo que acaben de desmantelar unha rede de tráfico de persoas que non se dedicaba, como unha pensaría ao escoitar o comezo da noticia, á explotación de mulleres nunha rede de prostitución; agora son homes (tamén de países pobres) atraídos con falsas promesas de boas condicións de traballo… Empregábanos no transporte a domicilio, explotados entre 12 e 15 horas diarias.
Vivimos unha revolución silenciosa. As súas pegadas plásmanse no espazo e no noso xeito de habitalo. Veremos se trae algo novo o 2024.