Miguel Fernández, concelleiro de Lugo: «Estou ilusionado e con ganas»

LA VOZ LUGO

LUGO

Miguel Fernández a la salida del pleno de renuncia de Lara Méndez
Miguel Fernández a la salida del pleno de renuncia de Lara Méndez ALBERTO LÓPEZ

O edil defende a decisión «unánime e democrática» do grupo municipal para alzar a Alvarellos como alcaldesa

16 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O número dous do Concello de Lugo, Miguel Fernández, quedouse sen ascender un posto ata a alcaldía. Paula Alvarellos ocupará o cargo de Lara Méndez e Fernández móstrase ilusionado co seu novo futuro como deputado de Vías e Obras. Un área que, insiste, sabía que ía asumir dende hai meses aínda que o anuncio foi apenas media hora antes do comunicado de quen sería a nova alcaldesa.

—Xa volveu a normalidade ao grupo municipal?

—Foi todo con normalidade. Unha vez determinado que a alcaldesa ía de candidata, empezouse a poñer en marcha o mecanismo do partido. Houbo que respectar os tempos, primeiro o cese da alcaldesa, despois nós reunimos o grupo para determinar a persoa que consideramos máis idónea. Había varias con formación, e eu tiña un compromiso previo de asumir a área de Vías e Obras da Deputación. Acordouse a persoa que ía asumir a alcaldía a partir de aí e estanse producindo as reunións que se tiñan que producir.

—Son esas entón as razóns de que finalmente decidise ceder?

—Non foi unha cesión. Simplemente nos reunimos para ver que persoas estaban capacidades e cales tiñan interese en asumir a alcaldía, tendo en conta todas as variables. Tanto internas de diferentes áreas do Concello como que eu era xa deputado e tiña o compromiso de asumir Vías e Obras, que é un área potente. Non houbo cesión nin necesidade de votar, houbo pros e contras. De forma unánime e con toda a normalidade decidiuse que isto era o mellor para todos.

—Por que se tardou entón cinco días?

—Hai que respectar os tempos e ata que non se producira o cese da alcaldesa, non tiña moito sentido plantexarse outra cousa. Xa dixemos que nos reuniríamos de xeito inmediato e o comunicaríamos, e así foi.

—Pero foron cinco días dende que Lara Méndez anunciou que deixaba a alcaldía.

—Queríamos respetar o pleno de cese efectivo. Non pasa nada polas formas, foi importante tamén. Foi importante que se producira o cese afectivo da alcaldesa.

—O silencio foi parte desas formas?

—Si, ata que nos reunimos e valoramos as persoas mais idóneas e capaces nada se comunicou porque non había nada que comunicar. Os compañeiros entendemos que todos teñen capacidade e formación, é un tema máis de perfiles e de xuntar apoios.

—Nun determinado momento chegou a propoñer que a sucesora fose Ana Abelleira para solucionar o empate?

—Non propuxen a ninguén. Nin me autopropuxen. A decisión tomouse de forma conxunta no grupo municipal. Estábamos todos nas mesmas condicións, oportunidades e probabilidades, tendo en conta todas as viabilidades e que había un compromiso de que o Concello tiña que ter representación no organismo provincial. Non se barallou ningún nome, saíron os nomes que saíron. Ninguén propuxo ningún nome.

—Poderá pasar factura entre os históricos do PSOE ou os que foron os seus apoios que a sucesora sexa Alvarellos?

—Iso é opinable. Haberá xente a favor e xente en contra. Tomouse como unha decisión democrática moi estudada, analizada e por unanimidade. Non ten que haber ningún tipo de problema mais alá de que cada persoa teña a opinión que teña. Quero agradecer as múltiples mostras de cariño, nun sentido e noutro. Recibín moitísimo cariño de moita xente moi amable a que agradezo profundamente.

—Seguirá sendo concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural?

—Hai que determinalo. Incorpórase unha nova compañeira, haberá que ver que área asume, despois en funcións dos perfiles e a experiencia repartiranse.

—Sabe como traballará a área de Vías e Obras?

—Non, din o compromiso de que sería unha vez que se aprobaron os orzamentos da Deputación, nada máis. Sería precipitado e non ten sentido.

—Como cre levará toda esa carga de traballo?

—Xa tiña áreas de moito traballo no Concello nos últimos anos, iso no me asusta. Ata que saibamos que áreas me correspondan no Concello, tampouco se sabe. Nos últimos anos levei dúas areas de moito presuposto, moita dedicación e moitas horas. Teño ganas e ilusión e non me asusta en absoluto asumir áreas que se consideren mais idóneas ou aquel na que podo ser mais eficaz e mais útil para mellorar a vida dos nosos veciños.

—Está igual de satisfeito con Alvarellos como nova alcaldesa coma se fose vostede o elixido?

—Sen dúbida.