O Vello Cárcere acolleu o acto de presentación dun número especial con colaboracións de máis de 200 poetas
21 feb 2024 . Actualizado a las 13:17 h.A revista poética Xistral celebra a súa edición número 25 cunha publicación especial, un «Xistral histórico», en palabras do coordinador da revista, Toño Núñez, no que aparecen todas e todos os poetas que colaboraron algunha vez coa revista, tanto na súa primeira e breve andaina (números 1 e 2, ano 1949), como na segunda (do número 3 ao 24, do ano 2000 ao 2022). En total, máis de 200 creadores de poesía para unha revista que é plural «en todas as direccións». Núñez matiza que o obxectivo de Xistral é dar voz, «á par das xa consagradas, a aquelas voces máis anónimas, ben sexan de poetas principiantes ou de poetas que permaneceron en silencio polas razóns que foran».
Xistral naceu na primavera de 1949, da man do poeta mozo Manuel María. Só se chegaron a editar nesa primeira etapa dous números, nos que Manuel María puido ver publicado o seu primeiro poema en galego, Cantiga derradeira. No 2000, Camilo Gómez Torres foi o encargado de recuperar Xistral, e coordinou as publicacións ata o número 20, aparecido no 2017. «Manuel María, o Concello de Lugo e os poetas e artistas que colaboraron nos 23 números desta segunda etapa son os verdadeiros protagonistas», explicou Gómez Torres.
No acto de presentación deste número especial, a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, destacou o emotivo recital co que «volveu a cita anual coa poesía galega, unha canle de difusión para os creadores lucenses, e tamén un proxecto de referencia para todas as persoas con inquedanzas pola poesía».