A cultura é máis agradable en Vilalba: a Biblioteca Municipal reabre tras obras de reforma

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

LUGO

O Concello realizou traballos para que as instalacións resultasen máis cómodas

29 feb 2024 . Actualizado a las 12:19 h.

Se á literatura galega ou a calquera outra lles veñen ben unhas pequenas doses de comodidade, en Vilalba pode medrar o interese polos libros. Este mércores reabriuse a Biblioteca Municipal, pechada por mor das obras de reforma que realizou o Concello no edificio. Os traballos tiveron algo máis de 35.000 euros de orzamento, que serviron para cambiar fiestras, colocar novo mobiliario e instalar novo chan.

Para a alcaldesa, Marta Rouco, os traballos ían encamiñados precisamente a que o edificio tivese un maior trazo de espazo agrable e acolledor, que invite a ter gana de pasar tempo nel. Por outra banda, salientou tamén que as instalacións eran agora máis seguras e máis eficientes dende o punto de vista enerxético.

O acto de reapertura non foi soamente protocolario, senón que estivo cheo de alicientes. Por unha banda, actuou o clube de regueifa do IES Basanta Silva. O proxecto, que coordina a profesora Almudena Falcón, implica a rapaces que dedican parte do tempo de lecer entre clases e clases ao cultivo desa forma de composición, moi habitual nalgunhas comarcas de Galicia hai décadas. Os estudantes xa teñen feito algunha representación do seu labor.

Para a tarde quedaban a actuación do grupo de pandereteiras Lambe Lambe e a presentación de novos proxectos, entre eles o clube de lectura. No veciño IES Basanta Silva funciona tamén un clube de lectura, que foi premiado polo Ministerio de Cultura.

Ao acto de reapertura deste mércores acudiron tamén usuarios do centro ocupacional vilalbés, que viron as novas instalacións pero tamén os elementos decorativos que deseñaron. Ademais dos devanditos traballos, coa reforma instaláronse novos andeis para libros e un aparato para imprimir os carnés de socio.