Luis Vázquez, director de promoción da IXP Ternera Gallega: «Galicia ten que seguir liderando a carne de vacún de calidade en España»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

LUGO

Luis Vázquez, durante a intervención de hai días na Facultade de Veterinaria de Lugo
Luis Vázquez, durante a intervención de hai días na Facultade de Veterinaria de Lugo ALBERTO LÓPEZ

Afirma que o labor do veterinario é básico no control da calidade agroalimentaria

17 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A seguridade alimentaria tense convertido, nos últimos anos, nunha cuestión de relevancia social; e nese proceso, explica Luis Vázquez, é importante o labor do veterinario. Hai días, ofreceu unha charla no ciclo Apaixonad@s pola veterinaria, que organiza a Facultade de Veterinaria do Campus Terra (USC). En Lugo fixo os estudos universitarios, e subliña que o campus de Lugo fixo e fai un gran labor para o sector agropecuario da provincia e do resto de Galicia.

-Unha indicación xeográfica protexida (IXP) ou unha denominación de orixe (DO) son figuras máis ben coñecidas pola sociedade. Que importancia ten nelas un veterinario?

-Todos os produtos agropecuarios necesitan controis, e o labor do veterinario é fundamental no benestar animal. O benestar animal é hoxe unha demanda da socedade, e os veterinarios son fundamentais aí.

-Podemos sentirnos seguros co que comemos? Son sempre eficaces os controis?

-Cando se crea unha indicación xeográfica protexida ou unha denominación de orixe, xa se anuncian os controis que se deben ter. As técnicas van cambiando, e a creación da Facultade de Veterinaria de Lugo foi un factor importante; implicouse aos gandeiros para produciren mellor. Para que todo? Para termos mellor calidade e mellores rendementos.

-Cando se crea unha indicación xeográfica protexida ou unha denominación de orixe, as expectativas adoitan ser favorables. Hai sempre unha actitude receptiva dos produtores?

-Nos regulamentos das indicacións e dos consellos recóllense as normas que hai que respectar. A adhesión a una indicación ou a un consello é voluntaria. Pero os consumidores cada vez confían maís nos selos de calidade, e os produtores deben aterse ás normas que marca o regulamento.

-É, pois, unha batalla totalmente gañada aquí, pero os produtores quáixanse de cumprir unhas normas que non se esixen noutros países.

-Nos últimos tempos fálase da trazabilidade e do etiquetado, e fálase para que o consumidor coñeza a orixe do produto. As esixencias de Europa en calidade alimentaria son moi altas. É lóxico que os gandeiros protesten, porque as esixencias deben ser as mesmas para todos.

-Que se pode facer para conseguilo?

-Hai que darlles información aos consumidores. Un consumidor informado é un consumidor formado e pode elixir ben.

-Un produto que ten un selo oficial de calidade é algo máis caro ca outros. Está xa iso totalmente asumido e o consumidor acepta que compensa pagar un pouco máis?

-Creo que o labor dos últimos anos cos produtos de Galicia, tanto agropecuarios coma do mar, foi bo. Os consumidores confían cada vez máis neses produtos, e creo que valoran esa calidade. Canto aos prezos, en Ternera Gallega mantéñense os niveis de consumo, o cal quere dicir que o consumidor apoia os produtos de calidade.

-Nos últimos tempos ten habido protestas de gandeiros, que ven baixo o prezo que cobran. Non é unha situación inxusta que haxa esa calidade e que os produtores teñan que pedir un maior prezo?

-As protestas dos gandeiros son absolutamente lícitas. É lóxico que fagan esas reivindicacións se cren que non se lles paga un prezo xusto.

-Tamén é lóxico salientar que o traballo do veterinario é fundamental, supoño.

-O labor do veterinario é fundamental, tanto para a calidade final como nas canles intermedias, para saber se eses produtos son bos para o consumo humano. Hoxe estamos preocupados pola sustentabilidade, e o labor dos veterinarios nese campo é fundamental. Quero tamén salientar o papel das indicacións xeográficas protexidas e dos consellos reguladores na sustentabilidade: sustentabilidade social, porque se fixa poboación, e económica, porque de aí sae riqueza. Se desaparecesen explotacións, a biodiversidade reduciríase, igual ca a riqueza ambiental. Creo que a Facultade de Veterinaria tamén fixo un labor importante, con melloras na cidade e na provincia. Lugo é unha provincia gandeira, e coas primeiras promocións mellorou o campo.

-Pódese dicir, entón, que hai unha relación directa entre o desenvolvemento da Facultade de Veterinar e a mellora da calidade agroalimentaria

-Recuperouse o espírito daquela facultade de hai un século. [Entre 1882 e 1924, en Santiago de Compostela funcionou a Escola Especial de Ciencias Veterinarias]. Creo que era unha débeda con Galicia. Grazas á Facultade de Veterinaria, a calidade alimentaria de Galicia mellorou nos últimos anos. Non é chovinismo, é unha cuestión real.

-¿Os rapaces que estudan hoxe a carreira teñen nestes asuntos unha sensibilidade maior ca os de hai décadas?

-Hoxe fanse produtos de calidade máis segura. Cando nós saímos da facultade, os selos [de calidade] estaban comezando: por exemplo, Ternera Gallega creouse en 1989.

-Con todo iso, a carne que comemos é totalmente segura...

-Temos unha das carnes de mellor calidade de máis seguridade.

-Medrará a produción nos vindeiros anos?

-Xa lideramos a produción de carne de calidade en España. Galicia é coñecida e recoñecida polos consumidores, e ten que seguir liderando a carne de vacún de calidade en España. Hai campo para medrar e posibilidades para seguir medrando.

-Pero hai dificultades para atopar veterinarios que escollan o traballo no campo como saída profesional.

-Hoxe vaise máis a clínicas veterinarias, por exemplo. Pero o importante labor do veterinario para a gandería e para calidade agroalimentaria están aí.

Inicio. Luis Vázquez naceu en Ourense en 1966.

Formación. Estudou Veterinaria na facultade do campus de Lugo (USC).

Actualidade. Traballa como director de promoción na IXP Ternera Gallega.