Francisco Ruiz: «O Racing Vilalbés é moito máis ca un clube, é unha institución coñecida»
LUGO
Afirma que foi directivo como sinal de gratitude e polo amor ao equipo
01 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O 2023 foi un ano histórico para o Racing Vilalbés, que acadou o ascenso a Segunda RFEF. Francisco Ruiz non nega que foi unha gran noticia, aínda que el, sendo presidente, xa vivira a experiencia de participar nunha fase de ascenso. De todos os xeitos, o que lle parece máis importante é a longa historia do clube, que se fundou en 1931.
—Un é xogador, mesmo adestrador, porque lle gusta o fútbol, ben para practicalo, ben para explicalo a rapaces. Por que un chega a ser directivo dun equipo de fútbol?
—No meu caso, pola gana de colaborar e polo amor ao clube. Estoulle moi agradecido ao Racing porque me axudou a formarme como persoa. Ser directivo era unha maneira de devolverlle ese favor.
—Un directivo ten que oír críticas e aturar paus. Compensa esa dedicación?
—Non. Tes satisfaccións, sobre todo polos rapaces do fútbol base. Agora, visto o pasado, é demasiado sacrificio para facer ese traballo de maneira desinteresada; pero creo que ningún directivo o fai por interese: é a gana de colaborar o que o move.
—Un equipo coma o Racing Vilalbés sae xogar cada domingo. Canto traballo da directiva hai detrás?
—Moitísimo. Para chegar a esas case dúas horas de partido, hai moito traballo. Hai que traballar para competir en categoría nacional. O fútbol afeccionado está a complicarse cada vez máis; creo que tende a desaparecer, porque as esixencias son cada vez maiores e é moi complicado facelo de maneira desinteresada.
—Que lle queda a un directivo cando deixa o cargo?
—O mesmo ca a un xogador: as amizades, as experiencias vividas... Un directivo acaba por facer amizade con outros directivos. Todos temos os mesmos problemas, e normalmente acabas facendo boa relación cos outros directivos.
—É o Racing Vilalbés máis ca un clube?
—Moito máis. Darémonos conta, oxalá non ocorra, o día en que o Racing desapareza. O Racing é unha institución moi representativa de Vilalba e a máis coñecida fóra. Repito: oxalá non pase, pero darémonos conta do que vale o Racing o día en que falte.
—Cal é a clave desa longa historia, desa relación entre o clube e a vila?
—Aínda se manteñen ese concepto de deporte afeccionado e esa sensación de pertenza ao clube. Iso é o que se lles inculca aos rapaces, e creo que esas raíces dos rapaces son un dos segredos. No fútbol profesional perdeuse ese sentimento de pertenza, no fútbol afeccionado mantense.
—Pensou algunha vez que o Racing chegaría a xogar contra o Pontevedra, contra o Compostela, contra o Zamora...?
—Non. Non era a nosa realidade, nin creo que o sexa. É moi difícil competir contra equipos de cidades de case cen mil habitantes. Pero tampouco parecía a realidade do Vilarreal e esta temporada xogou a Europa League. Esa é a maxia do fútbol: non todo se resume en cartos.
—Acaba un canso de tanto fútbol?
—Si. O fútbol profesional volveuse demasiado negocio e demasiado comercio, e iso pode provocar que a xente nova perda o interese. O fútbol non desaparecerá porque é imposible que desapareza, pero gústame máis ver un partido en directo ca dous na televisión.
—Que é mellor, ser alcalde de Vilalba ou presidente do Racing Vilalbés?
—En que sentido?
—En todos.
—Creo que é máis doado ser presidente. O Racing é un clube, e ser alcalde implica máis responsabilidade e máis dedicación.
Comezo. Francisco Ruiz Rey naceu en Goiriz (Vilalba) en 1974.
Traxectoria. Xogou nas categorías inferiores do Racing Vilalbés e no primeiro equipo. Foi adestrador nas categrías inferiores e tivo varios postos na xunta directiva do clube, coa que segue a colaborar. Foi presidente oito anos (2013-2021).
Actualidade. É empregado do Concello de Vilalba e vive na capital chairega.
«O que lle pido ao equipo é que forme xogadores. A categoría é o de menos»
Ruiz garda bo recordo dos seus anos de presidente malia os esforzos que supón o cargo.
—Foi a súa experiencia de presidente como a pensara?
—Foi unha experiencia inesquecible e, en liñas xerais, satisfactoria. Estou contento de ter sido presidente, aínda que ás veces se pasa moi mal.
—Cando o equipo xoga fóra, nunha promoción de ascenso, o presidente sente que é en certa maneira un embaixador?
—Si. Ir por España adiante representando a Vilalba é unha satisfacción e unha responsabilidade. Tes que dar boa imaxe, pero si sentes que vas representando unha vila. Hai sitios de España nos que Vilalba é coñecida polo Racing.
—Que o motiva máis, ver o primeiro equipo en Segunda RFEF ou ver as ducias e ducias de rapaces das categorías inferiores?
—Os rapaces, sen dúbida. Se o Racing un día está en Terceira [División] ou en [Rexional] Preferente, oxalá sigan indo xogar. O futuro depende de que eses rapaces sigan vencellados e sentindo o clube.
—Axuda un equipo a que os rapaces fagan deporte e estean lonxe de afeccións menos saudables?
—Creo que si. Calquera rapaz que practica algún deporte ten uns valores que é difícil que teña quen non o practica, ademais de evitar riscos que hai na sociedade de hoxe. O fútbol dá uns hábitos de vida saudable que son imprescindibles.
—Onde estará o Racing dentro de trinta ou corenta anos?
—Espero que estea en Vilalba e formando xogadores. É o que lle pido, que forme xogadores e deportistas. A categoría é o de menos.
—Manterá o Racing a categoría este ano?
—Probablemente. A forza que dá ese xene vilalbés pode se ser esa diferenza fronte a outros equipos.