Música, artesanía e gastronomía animarán esta celebración popular, que cumple 12 anos
29 may 2024 . Actualizado a las 13:32 h.Orbazai celebrará este sábado, día 1, a edición número doce da súa Foliada, unha festa popular que reivindica a música tradicional e pon de manifesto o dinamismo social e cultural desta parroquia do rural lucense.
Airiños de Orbazai, a Asociación de Veciños e a Comunidade de Montes organizan esta xornada, que conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a da área de Cultura do Concello de Lugo.
Representantes destes colectivos, acompañados polo vicepresidente da Deputación, Efrén Castro; da deputada de Cultura, Iria Castro; do tenente alcalde, Rubén Arroxo, e das concelleiras de Cultura e Participación, Maite Ferreiro e Cristina López, presentaron esta nova edición da Foliada, que encherá de actividade a Carballeira de Xanares durante toda a xornada.
A inauguración da feira de artesanía, con demostracións e postos de vendas de produtos artesáns e agroalimentarios, abre un programa no que o protagonismo é para a música tradicional, co Festival das Escolas, no que actuarán as novas xeracións de Airiños de Orbazai, Cantareiras D´Xanares e Airiños de Orbazai, a Asociación Cultural Xermolos (Guitiriz), Ondiñas do Mendo (Salvaterra do Miño) e a Agrupación Folckórica La Sidrina (Lugones, Asturies).
A deputada de Cultura, Iria Castro, e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, destacaron na presentación «o compromiso coa cultura e a música tradicional da veciñanza de Orbazai, que son un exemplo da importancia que os colectivos de base teñen no dinamismo social e cultural, especialmente nas parroquias rurais».
Este é o programa da Foliada
11.00 horas. Feira de Artesanía
13.00 horas. Festival das Escolas. Airiños de Orbazai
14.00 horas. Sesión vermú. Pandereteiras de Orbazai
17.00 horas. Actuacións musicais: Cantareiras D´Xanares (Lugo), Asociación Cultural Xermolos (Guitiriz), Ondiñas do Mendo (Salvaterra do Miño), Agrupación Folckórica La Sidrina (Lugones, Asturies) e Airiños de Orbazai
21.00 horas. Degustación de pinchos. Foliada popular