Francisco García Novio, urólogo e escritor: «A medicina e a literatura son mundos moi humanistas nos que se precisa ler e reflexionar»
LUGO
Tralo éxito da súa primeira novela, o ex xefe de Uroloxía do HULA de Lugo acaba de publicar «A voz do mosquito», un libro de relatos curtos en galego
13 nov 2024 . Actualizado a las 09:35 h.Medicina e literatura sempre estiveron presentes na vida de Francisco García Novio, lucense de adopción. Trala súa xubilación como urólogo (aínda que segue parcialmente en activo) e despois de ocupar cargos de responsabilidade no ámbito sanitario, como a xefatura da área de Uroloxía do HULA, García Novio goza de moito máis tempo para dedicarse á lectura e á escrita, dúas das súas grandes paixóns. Tralo éxito da súa primeira novela, Os madrileños non sempre veñen en agosto, publicada hai un ano, acaba de publicar A voz do mosquito (Medulia, 2024), un libro de relatos curtos e en galego. A primeira presentación terá lugar o xoves 28 no patio do centro cultural O Vello Cárcere, ás 19.30 horas.
—Sobre que trata este novo libro?
—Está composto por 16 relatos curtos, escritos en galego, desde o ano 2000 ata a actualidade. Non teñen unha temática común, así que están colocados por orde alfabética. Catro deles falan do amor e o desamor, sentimentos universais, incluído A voz do mosquito, que dá título á obra. A morte de Marcelo trata dunha investigación sobre un home ao que mataron cando eu era rapaz; en Bocartes mariñados recréase a reacción dun home que sabe que vai morrer pronto, narrando como decide ocupar o seu tempo, un relato que parece tráxico, pero que ten un punto cómico; O home que vivía na marisma baséase nun ensaio de Carlos Veiga sobre os segadores galegos, concretamente, da Órrea, en Castela; outro fala sobre a relación paterno-filial; e tamén hai un que toca o tema urolóxico, coma un exercicio de psicoanálise urolóxica.
—Canto hai de ficción e canto de real nestas historias?
—Son relatos de ficción, pero todos teñen un fondo real. Os escritores inspirámonos no que vivimos, no que vemos ou no que sentimos, as cousas non saen do aire.
—Canto tempo dedica agora á escrita?
—Escribo a diario, pero a miña verdadeira paixón é a lectura, a escrita vén despois. Escribindo levo desde sempre, pero agora cos ordenadores podo conservar mellor o material, aínda que teño máis desorde.
—Ten previsto novas publicacións?
—Estou traballando en máis libros, pero creo que é necesario deixar pasar máis dun ano entre as publicacións dos libros.
—Hai moitos médicos que tamén se dedican á literatura, a que se debe isto?
—Son dous mundos moi diferentes, pero a realidade é que hai moitos médicos que escriben, eu mesmo coñezo cinco compañeiros meus médicos, de Lugo, que tamén escriben. Antes catalogábase a medicina exclusivamente como unha área de ciencias, pero a verdade é que a medicina, como a literatura, é un mundo moi humanista, no que se precisa ler e reflexionar moito. A medicina é unha profesión que invita a pensar, o que transmitimos ten consecuencias nos pacientes. Á marxe do diagnóstico ou dos tratamentos, somos mensaxeiros, e transmitir as cousas dunha maneira ou doutra pode influír na vida dunha persoa, pode darlle a volta a unha situación. Hai que pararse a pensar moitas veces en cómo cambiaría unha situación se en vez de dicir aquilo dixeramos outra cousa.