O DJ de Lugo DMiron, elixido entre 10.000 músicos de toda Europa: «Esta profesión é unha carreira de fondo»
LUGO
O artista disputará o día 30 a final do prestixioso certame Tour Music Fest de San Marino
20 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Un lucense, na final do prestixioso festival musical europeo de San Marino. Trátase de Diego Mirón Andión, coñecido polo nome artístico de DMiron. O músico e produtor lucense logrou clasificarse para a final do Tour Music Fest de San Marino, na categoría de DJ. Foi elixido entre máis de 10.000 picadiscos dunha ducia de países de toda Europa.
Segundo explican desde a organización do festival, DMiron convenceu ao comité artístico, composto por decenas de expertos en música e profesionais do sector, «co seu talento e determinación, demostrando unha gran capacidade artística e comunicativa, calidades sen dúbida útiles para perseguir o soño de chegar á final, un escenario que nos últimos 17 anos viu desfilar a decenas de artistas emerxentes que se converteron en grandes profesionais do sector, como Mahmood, Ermal Meta, Ariete e Federica Carta». As finais das distintas categorías comezarán este domingo, con concertos, concursos de música, masterclass, espectáculos en vivo, DJ sets... ante grandes artistas e profesionais como Beppe Vessicchio, Kara DioGuardi, Mylious Johnson, Ensi, Mazay DJ, Annalu, Paola Folli, Francesco Rapaccioli ou Andrea Rodini. A actuación de DMiron terá lugar o sábado 30 no Auditorium Little Tony de San Marino e retransmitirase tamén a través de YouTube.
—É a primeira vez que se presenta a este certame?
—É a primeira vez que me presento a un concurso. E foi de casualidade. En marzo, que soe ser un mes de pouco traballo neste sector, vin a convocatoria e decidín presentarme. As primeiras fases foron enviando vídeo, despois en directo por zoom... E en xullo quedei clasificado para a fase nacional en Madrid. Agora, despois de superar as audicións en vivo, quedei entre unha ducia de finalistas na categoría de DJ, o único de Galicia.
—Que supón este logro?
—Aínda non o teño asumido de todo, pero está claro que é unha boa oportunidade que espero que me axude a conseguir máis actuacións fóra de Galicia porque este é un mercado moi limitado e está claro que os DJ non están tan ben vistos coma outras categorías musicais. Aínda se ve como música de segunda categoría e, de feito, ata hai un ano non eramos considerados artistas. Así que isto véxoo como unha oportunidade para despegar algo máis, porque este é un camiño de ir pouco a pouco, esta profesión é unha carreira de fondo. Ademais dos propios premios que hai en xogo, como xiras por Europa, diñeiro en patrocinios, shows en clubs de Ibiza, a produción dun sinxelo, unha bolsa en Boston...
—Como empezou nesta profesión?
—Levo toda a vida. Fun residente en varias salas, pero en pandemia aproveitei para facer algo de produción e xa empecei a moverme por toda Galicia. Actúo en grandes festivais, como o Negrita Music Festival ou o H2O de Vilagarcía, e este 2025 preséntase bastante bo, pero gustaríame tamén darme a coñecer fóra de Galicia.
—Como está a situación en Lugo? Hai tradición de picadiscos?
—En Lugo hai unha tradición moi boa de DJ, hai bos profesionais, pero a situación é complicada, porque non temos salas grandes e porque non temos festivais de DJ, e iso limita tamén á hora de cobrar un caché. Mentres en Galicia hai un bum neste sector, a Lugo aínda non chegou. De feito, creo que na cidade son o único que vive disto, porque os salarios para os DJ residentes non son bos, non dan para vivir.
—Que tipo de música soe picar?
—Acostumo a picar de todo, pero a min gústame a electrónica, sobre todo, o afro house, que está moi de moda agora a nivel nacional. De feito, na final de San Marino teño previsto apostar por ese tipo de música, cun remix propio e cun toque españolizado. Normalmente, levo unha selección de temas e de aí vou tanteando na actuación, sei con cal vou comezar, pero non con cales seguirei nin cales incluirei, vou improvisando.