Xulio Xiz: «Algúns maragatos foron concelleiros en Lugo por ser dos que máis impostos pagaban»
LUGO
O xornalista presenta o libro «Los maragatos de la puerta de San Pedro», que escribiu xunto a Antonio Giz, e no que repasan os 145 anos da historia na provincia destas familias de comerciantes de León
10 dic 2024 . Actualizado a las 12:00 h.A maragatería xogou un papel esencial na historia recente da provincia de Lugo. Son, de feito, historia viva, a pesar de que as familias instaladas en territorio lucense están totalmente integradas e con profesións que nada teñen que ver co comercio maragato. Todas, agás María del Carmen Pérez-Carro, herdeira do espírito maragato e propietaria da tenda dos maragatos que hai na rúa San Pedro. Precisamente esta rúa foi clave para o asentamento dos maragatos en Lugo a finais do século XIX, como se pon de manifesto no libro Los maragatos de la puerta de San Pedro, de Antonio Giz e Xulio Xiz. A obra, editada por Egeria e a Fundación Pérez-Carro, presentarase este mércores, día 11, ás 20.00 horas na Biblioteca Provincial de Lugo. No acto participarán, ademais dos autores, a alcaldesa, Paula Alvarellos; o conselleiro de Cultura da Xunta, José López; a vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia, Elena Candia; a presidenta da Fundación Pérez-Carro, María del Carmen Pérez-Carro; e a directora da Biblioteca, Isabel Pérez.
O xornalista e escritor Xulio Xiz (Vilalba, 1947) explica que, ademais, abrirase na Biblioteca unha exposición co mesmo título, que resume os contidos da publicación, e que será itinerante. Trátase dunha mostra bilingüe, para poder utilizala tanto en Galicia como en Castela e León, especialmente na Maragatería.
—Como xurdiu a idea deste libro?
—Foi a raíz da amizade que temos desde hai tempo cunha muller maragata, María del Carmen Pérez-Carro. Vimos que había unha historia grandísima sobre os maragatos e pareceunos unha forma de facerlle xustiza aos seus pais e os seus avós. Hai tempo naceu a páxina web e agora vén o libro. María del Carmen, ademais, coa súa vocación maragata, constituíu a Fundación Pérez-Carro, que entrará en funcionamento proximamente.
—Cando chegaron a Lugo os maragatos?
—Nun principio, eran itinerantes, cubrindo o comercio entre A Maragatería, Madrid e Galicia, pero a chegada do tren deixounos sen moito sentido laboral. Algúns asentáronse en Madrid ou en Galicia, para facer comercio, sobre todo, en Pontevedra, Santiago, A Coruña e Lugo. Foi en 1880 cando se asentou en Lugo Tomás Pérez Carro, así que o ano que vén cumpriranse 150 anos da súa chegada. Primeiro, instaláronse fronte á Porta de San Pedro, ou Toledana, pola parte de fóra, porque había un posto de contribucións (o fielato) e porque era a vía natural de entrada dos que viñan do centro da Península. Eles tiñan vocación comercial, e en San Pedro, 66, atoparon o lugar idóneo, nunha zona de gran tránsito, seguindo o dito de «Que boa esquina para un maragato».
—A que tipo de comercio se dedicaban en Lugo?
—Unha das súas características é que aportaban moitas garantías, eran moi de fiar, por iso tamén se encargaban da recadación de impostos. En Lugo, a súa especialidade eran os xamóns, que mercaban pola provincia e que eles preparaban para comercializalos. De feito, sábese que Tomás Pérez tiña un carro para ir polas feiras da provincia a finais do século XIX e principios do XX. Os maragatos mandaban lotes de xamóns, «laconcitos» e untos para Madrid e A Habana. Enviaban vagóns enteiros a Madrid e tamén por barco a Cuba, desde A Coruña. Era un comercio moi fluído e unha industria moi activa.
—Integráronse os maragatos na sociedade lucense?
—Os maragatos tiveron a virtude de integrarse na sociedade lucense sen perder a súa esencia nin esquecer a terra maragata. Eran moi endogámicos, pero convertéronse en lucenses desde o primeiro momento e cotizaban aquí. Hai rexistros das súas contribucións ás festas do San Froilán, do Corpus... De feito, algúns maragatos foron concelleiros en Lugo por ser dos que máis impostos pagaban, xa que se consideraba que os que máis contribuían, máis tiñan que perder e máis interese poñerían en levar a cabo unha boa xestión do concello. Tamén foron membros da Cámara de Comercio, do Club Fluvial, do Círculo... Hoxe en día, os maragatos están integrados totalmente, e con profesións moi variadas. María del Carmen continúa como herdeira do espírito maragato coa súa tenda de San Pedro, mantendo relación coa Maragatería e con Madrid. Faino por amor aos seus pais, porque ten un gran sentido familiar e porque se sente a última dunha saga.