Familias de León montaron na vila e na zona rural negocios que foron moi coñecidos
27 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Dende estas páxinas de La Voz de Galicia insistimos sucesivamente en que nos primeiros decenios do século XX os habaneiros regresados influíron na modificación de usos e costumes dos vilalbeses. Tamén foi meritorio o labor dos non retornados que enviaron recursos económicos para axudar parentes, educar os máis novos, reconstruír altares e obrar en cemiterios, lugares das parroquias dos mortos. Foron eles uns vilalbeses que a partir de 1855, deixando familias e escapando das fames, marcharon buscar fortuna en terra allea.
Ao tempo que isto sucedía, a comarca vilalbesa era atracción para outras xentes que travesaban os camiños da comarca e cubrían nichos de negocios non atendidos polos propios do país. Eran os maragatos, oriúndos da Maragatería, comarca na contorna de Astorga onde a tradicional agricultura de cereais non abondaba para atender a elevada natalidade das familias. Viaxando polos camiños acompañados de recuas de mulas, comprando e vendendo,sendo fieis á palabra dada, aportaban riqueza á familia.
Ademais tiñan o costume de casar con primos cruzados permitindo que o patrimonio se mantivese dentro do parentesco e se alguén quedaba viúvo buscaría novo matrimonio nos parentes inmediatos da persoa defunta. Ao ser sociedades relativamente pechadas, non resulta estraño que moitas liñaxes de maragatos tivesen, e aínda teñan, conciencia de pertenza a un mesmo grupo social e que se fixesen valer os parentescos ao favorecer negocios e empregos.
Dos maragatos recordamos que nos séculos XVIII e XIX aparecían en tempo enxoito, cando medraban os días e ían cesando as choivas do inverno, transportando mercadorías traídas do Bierzo e de Castela como mantas e tecidos, viño e licores, bacallau salgado, aceite, mel, queixode ovella... e tamén admitían as encargas que se lles fixesen.
Malos camiños
Eran tempos nos que os camiños de Galicia, algúns chamados reais, enlamaban en inverno, trazaban voltas e revoltas e para as mercadorías só permitían os carros do país e as bestas de carga.
A partir de 1860, nos tramos de maior circulación, fóronse renovando os firmes, reconstruíronse pontes e consolidáronse portos ou vaos usados cando o caudal do río non era elevado. Pouco a pouco foron chegando os carros de rodas de radios que se cubrían con toldos e que, por ser máis lixeiros e tirados por cabalos ou mulas, eran máis rápidos, tiñan maior capacidade de carga e abarataban os portes.
Todo iso sucedía ao tempo que a comarca vilalbesa coñecía un despegue comercial no que as feiras e mercados eran os puntos de negocios e permitían que chegase riqueza. Os maragatos contribuíron á renovación do comercio cos seus portes porque permitían a exportación de produtos dos camiños andados e de regreso á Meseta levaban carnes salgadas e peixe en conserva ou seco procedente das costas.
A chegada do ferrocarril
Pero o sistema de transporte maragato non puido coa chegada do ferrocarril. Recórdese que otren chegou a Astorga en 1866, que o tramo A Coruña-Lugo foi inaugurado en 1875 e que da Meseta, desde Venta de Baños (Palencia) vía León, Astorga e Ponferrada, chegou a Monforte en 1883 e foi inaugurado polo rei Afonso XII. A viaxe Madrid-A Coruña só duraba vinte e seis horas.
Os maragatos acomodáronse aos novos tempos. Era evidente que non podían competir cos convois que multiplicaban a capacidade de carga e viaxaban máis rápido. Coñecedores dos camiños que frecuentaban, sabedores dos costumes dos país, decidiron establecerse en lugares apropiados para o comercio co tipo de mercadorías que eles negociaban.
En Vilalba e a súa contorna, a estación de Baamonde era a referente e dela saían carros, carretas e máis adiante automóbiles, que levaban e traían todo tipo de mercancías e viaxeiros. Alí confluían as estradas que ían á Coruña e Lugo e á Meseta coa que se dirixía á Mondoñedo e á Mariña Luguesa.
Tamén a estación de Rábade servía de referente sobre todo para o comercio do viño que, en enormes bocois de setecentos litros, chegaba do Bierzo, de Ribadavia vía Ourense e, sobre todo, da Mancha. A carón destes camiños establecéronse maragatos que tiñan o nicho de negocios nos produtos de alimentación, nas comidas, e que servían de paradas referentes nos portes de mercancías e viaxeiros.
Na vila en en parroquias
O paciente lector recordará, ademais das casas maragatas da propia Vilalba como a de Francisco Nistal, a de Martín Seco, a de Juan Francisco Criado, aqueloutras emprazadas a pé da estrada: en Abadín, na Torre, na Parrocha (Nete) e mesmo a de Gaibor (Begonte).
Os maragatos empezaron a establecerse aló pola década de 1870. Debeu ser daquela cando chegou á Parrocha (Nete) Pedro Criado Martínez, un dos primeiros en iniciar negocio na comarca e arquetipo de maragato. Nacera en 1847 en Quintanilla de Somoza, municipio de Luyego, a uns vinte quilómetros ao suroeste de Astorga. Este concello ten hoxe menos de oitocentos habitantes distribuídos en seis vilas. Pola necrolóxica sabemos que cando morreu Pedro, o 4 de outubro de 1927, aos 80 anos, estaba casado con Victoria Mendaña Otero, tamén maragata, e que tivera trece fillos.
Seguindo coa tradición, un seu fillo, Bernardo Criado Mendaña, pactou casamento con outra maragata, Elena Nistal Nistal, filla de Miguel Nistal Frade e de Luísa Nistal Nieto, e ambos figuran establecidos no comercio vilalbés en 1921.
Deste matrimonio houbo nove fillos. E o lector vilalbés recordará un deles, Luís Criado Nistal, home paciente, que durante moitos anos foi o revisor da empresa Ribadeo, fundada por maragatos, no coche que a diario ía e viña a Lugo e que era coñecido polo nome do Shanghai, curioso nome que llo puxo un veciño a finais da década de 1950 despois de admirar a Rita Hayworth na película «A dama de Shanghai».
Maquinaria agrícola
Seguindo a tradición maragata, o Shangai tiña puntualidade ríxida, chegaba ás 21 horas, e a súa velocidade adaptábase a tal horario. Outro dos fillos, Juan Francisco, estableceuse no Campo da Ponte de Vilalba, casou con maragata, Elena de la Fuente, e os descendentes tiveron negocio de maquinaria agrícola na década de 1970 e 1980.
De Teresa Criado Mendaña, casada con José Novo, non maragato, descenden os actuais propietarios da casa da Parrocha onde os iniciadores da saga iniciaran a actividade mercantil. Marcelino e Ángel Criado Mendaña trasladáronse á parroquia de Noche e nela continúan as descendencias con variados oficios, dende a economía á veterinaria.
Segundo algúns documentos, noticias varias e a memoria colectiva, podemos afirmar que a saga iniciada polo matrimonio Criado-Mendaña, que xa vai pola sexta xeración, é responsable de que moitos vilalbeses, da vila e do rural, compartan algunha xenética e ademais conserven o sentimento de pertenza a unha liñaxe iniciada hai cento cincuenta anos.